Este xoves día 30 celébrase pleno ordinario pola corporación municipal de Alfoz. Os únicos puntos da orde do día son tres mocións do grupo Independente polo Val e a ordenanza da mancomunidade sobre o uso das vías públicas.
Ipv presenta tres mocións, unha solicitando un axuste salarial para o alcalde; pedindo que adapte o soldo adecuándoo a proposta de proxecto de lei que realizou o PP para controlar os soldos dos alcaldes. O de Alfoz excede moito os 30.000 euros que se propoñen para concellos de entre 1500 e 5000 habitantes, e por riba tendo como atenuantes que a única promesa electoral que cumpriu foi a realización da gardería de Carballido. “Público é o despilfarro que supuxo”, aseguran dende Independentes polo Val.
Igualmente IpV presenta outra moción para que o Concello de Alfoz tome o acordo de solicitar a retirada da LOMCE.
Como terceira moción, e máis importante, IpV presenta unha iniciativa para a realización dun proxecto de creación de emprego e posta en valor dos montes municipais, co diñeiro do fondo de compensación medioambiental que cobra o Concello anualmente polo canon eólico. Coa proposta de IpV “ese diñeiro repercutiría na creación de emprego nuns tempos que tanto escasea, ó tempo que se poñería en valor e se saque rendemento ó monte de propiedade municipal que está improdutivo na actualidade”.