Cinco anos despois do seu debut en Prata, o Burela FS Pescados Rubén terá mañá na súa man a posibilidade de proclamarse campión da Primeira División RFEF. Vista Alegre, con entrada gratuíta, agarda cheo absoluto para a cita laranxa coa historia de elite; Jozi, Dany, Lidia Mesías, Dolo, Silvia, Peque, Haydee, Lara, Patri, Lucía Nespereira, Maite e Paula, pero tamén Javier Pardeiro, Alfonso Mera, Dolores Fernández e Ramón Cordido, estarán arroupados pola gran marea laranxa para facer valer o seu punto de vantaxe sobre o flamante e todopoderoso Atlético de Madrid Navalcarnero.
Despois dunha arrasadora campaña en Twitter (#FSFmereceTV), a pugna entre o liderado laranxa (67) e a segunda praza colchoneira (66) e, posiblemente, o título da máxima categoría decidirase ante as cámaras de TVG2 (20.00 horas). Unha vitoria na antepenúltima xornada de liga, última para as burelistas, permitiríalle ao Pescados Rubén cantar o alirón.
“Para o Burela FS o partido de mañá é un reto sen precedentes, non só polo título que está en xogo senón pola entidade do rival. O Burela FS, un equipo baseado en constancia e esforzo dunha pequena vila, terá enfronte ao actual campión, repleto de internacionais pertencente a un club histórico. Despois desta gran tempada, para a familia laranxa non hai lugar máis que para o orgullo” explicou o director xeral, José Luis Sáez, que volveu agradecer a disposición da CRTVG para que esta gran final se poida seguir en directo e as facilidades ofrecidas pola Real Federación Española de Fútbol e o Atlético de Madrid, ademais do “impresionante apoio e ánimos que o club está recibindo tanto da afección coma das institucións”.
Javier Pardeiro terá ás súas ordes todo o cadro. Na convocatoria madrileña figuran Vane, Ju Delgado, Isa García, Leti, Natalia, Fabi, Isa, Anita Luján, Beíta, Priscila e Trini; Elena, que tamén viaxará, será baixa por embarazo.
Amigable
O Burela FS Pescados Rubén de Primeira División LNFS despediu onte a tempada 2012-13 cun amigable en Vista Alegre ante o Futsal Minerva, campión da liga suíza. Os pupilos de Juanlu impuxéronse 4-2 nun partido de cor laranxa cunha activa participación das promesas do Burela FS B Carlos, Antón , Keko e Brais, con descanso para Mata e Juanma. Con infinidade de ocasións, Iago Míguez subiu o 0-1 xa no minuto 4, asistido por Carlos. A escuadra suíza igualou a contenda no 6, na única oportunidade da primeira parte, dende saque de esquina. Tres minutos máis, Christian fixo a aparición goleadora estelar por partida dobre, aproveitando un saque de esquina que coou entre as pernas do meta e culminando unha trepidante galopada de Iago Míguez. Aínda crearon moito perigo os burelistas sen fortuna. Tras o descanso e coa resistencia dos paus, houbo que agardar ata o minuto 33 para ver o 4-1, de Carlos. No 34, o Futsal Minerva, con máis vontade que perigo, maquillou o resultado (4-2) nun rexeitamento.






















Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
