Ribadeo, 16 de maio de 2013. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, condena o ataque que esta noite sufriu o barco Juanín, ubicado na rotonda do Xardín, á entrada da vila. A embarcación na que o ex presidente do goberno Leopoldo Calvo-Sotelo surcou tantas veces a ría apareceu con dúas pintadas: galegos de merda, por un costado e ría del Eo, polo outro. Suárez Barcia di que se trata dunha barbaridade cometida por un bárbaro, tilda o acontecido de triste e lamentable e considera que “isto ten claros tintes xenófobos, ademais de ser unha ofensa aos galegos”. O alcalde indicou que “sempre quedan elementos illados e aguillados que alimentan polémicas estériles e estúpidas porque non teñen nada que aportarlle á sociedade”.
O rexedor dixo que “foi unha barbaridade cometida por un bárbaro. Desde o goberno municipal, desde a Alcaldía e desde a institución que é o Concello de Ribadeo despois de falar con todos os portavoces dos diferentes grupos coincidimos no mesmo. É triste e lamentable que a vítima do ataque sexa precisamente o barco co que navegou tantas veces pola ría Leopoldo Calvo-Sotelo, unha persoa moi vinculada a Ribadeo pero tamén a Asturias, unha persoa que sempre contribuíu á unión entre ambas marxes da ría”.
Para Suárez Barcia “isto ten claros tintes xenófobos. Vir a Ribadeo a poñer galegos de merda por un costado da lancha e por outro poñer Ría del Eo indica desde logo uns tintes xenófobos, ademais de ser un atentado público e un ofensa a nós como galegos, tamén aos que sendo asturianos de nacemento son hoxe en día galegos de adopción, toda esta xente que vive entre nós e con nós. Penso que tamén isto significa un acto de ofensa para toda esa xente”.
O alcalde ribadense sinalou que “os galegos temos defectos e temos virtudes, pero somos totalmente contrarios a todo o que se pon aí: non somos galegos de merda, porque temos moitas virtudes, que entre outras son a perseveranza, o traballo, o respecto polos demais. E quero dicir que absolutamente todo o mundo está hoxe abafado, tanto galegos como asturianos”.
Fernando Suárez subliñou que “Ribadeo sempre se caracterizou, e así o vai seguir facendo desde logo, por ser un pobo diverso, plural, de sempre foi un lugar aberto, hospitalario, progresista e tamén, como non, orgulloso da súa historia e das súas tradicións. Eu teño claro que a inmensa maioría da sociedade así o entende, pero sempre quedará algún elemento illado, ben aguillado por algún líder local ou por algún medio de comunicación que tan só buscan a polémica porque non teñen outra cousa que aportar á sociedade. Polo tanto isto é consecuencia directa da alimentación de polémicas estúpidas e estériles sementadas ao longo destes últimos tempos e que en Ribadeo desde logo nunca alimentamos nin vamos contribuír a facelo”.
E engadiu que “Ribadeo sempre recibe cos brazos abertos a todo o mundo, pero quero dicirlles tan só a estas persoas que están alimentando estas polémicas estériles e estúpidas que non ofende quen quere senón quen pode”.























A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Contou con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibiron as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolleu a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destacou a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Ata o domingo achegaronse a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.



