Queremos poñer en coñecemento da opinión pública que nos parece unha auténtica tomadura de pelo o encontro entre o alcalde do Valadouro e o conselleiro de Infraestruturas (publicado na páxina web de Consellaría) na que se desbloquea sobre o papel o histórico proxecto do polígono industrial Alfoz-Valadouro. Proxecto nado e traballado durante a Xunta do bipartito, única lexislatura na que o proxecto deu pasos reais.
Coidamos que se está a utilizar o proxecto do polígono industrial como instrumento de chantaxe ao resto de forzas políticas, máxime na situación que vive o concello, cunha moción de confianza en curso e coas negociacións abertas entre os grupos da oposición.
Trátase dun burdo intento do PP para afianzar a figura dun alcalde que nunca estivo a altura das circunstancias e que decote ningunearon dende a Consellaría de Infraestruturas nestes dous anos de mandato.
Porque agora si e antes non? Isto cheira a tradicional manobra caciquil.
Só agardamos que se chega a frutificar un goberno alternativo ao do sr. Lamela (se se poñen de acordo o PSOE e máis UDIVAL) a Xunta manteña os compromisos que vén de adquirir co alcalde actual.
ASEMBLEA LOCAL DO BNG ALFOZ-VALADOURO