Outeiro denuncia que a centralización da actividade xudicial nas capitais de provincia responde á estratexia do PP de desmantelamento dos servizos públicos no rural
A supresión dos partidos xudiciais incidirá no colapso da administración de xustiza e resentirá a actividade económica dos concellos con xulgado de primeira instancia
Lugo, 16 de maio de 2013. O Grupo Provincial do BNG presentará no Pleno da Deputación unha moción na que instará ao Goberno do Estado a manter todas as unidades xudiciais que existen na provincia de Lugo: A Fonsagrada, Becerreá, Sarria, Chantada, Monforte, Mondoñedo, Vilalba e Viveiro. Así o anunciou o seu portavoz na institución, Mario Outeiro, quen manifestou o rexeitamento dos nacionalistas á proposta do ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, de centralizar a actividade xudicial nas capitais de provincia, neste caso en Lugo; medida que insiste en que “non ten senso nun país como Galiza caracterizado pola dispersión poboacional”.
“O Partido Popular –continuou o portavoz do Bloque- emprendeu unha reorganización dos servizos sanitarios, de facenda e de xustiza, que está a provocar que os cidadáns, para poder facer uso dos seus dereitos, teñan que desprazarse decenas de quilómetros e nalgúns casos até máis dun cento de quilómetros, co consecuente trastorno persoal, familiar, laboral e económico que iso supón. Os dirixentes populares están a negar á cidadanía das comarcas uns servizos que son necesarios para todos e todas. Cada unha das reformas do Goberno do Estado e a Xunta de Galiza responde a unha estratexia de desmantelamento dos servizos públicos do rural e supresión dos dereitos do pobo”.
O Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego considera que a supresión dos partidos xudiciais existentes incidirá no colapso que xa na actualidade padece a administración de xustiza e que se traduce nunha merma na atención aos cidadáns. “Ademais –precisou Outeiro- das consecuencias económicas que terá nos concellos que até o de agora teñen xulgado de primeira instancia; nalgúns como Becerrá, Mondoñedo e A Fonsagrada fechar o xulgado pode supoñer o feche de toda a vila”.
Os nacionalistas esperan obter o respaldo da corporación provincial para evitar o que entenden “será un novo ataque contra os dereitos dun pobo xa afogado por medidas neoliberais que afondan a situación de crise que padece o país”.