-O grupo de goberno insta á Deputación a que o recurso presentado polo Goberno Provincial en contra da aprobación do estudo de detalle inclúa tamén a suspensión dese documento
-Para o goberno local o recurso é so unha “cortiña de fume” xa que sen a suspensión, os propietarios dos terreos poderían solicitar a licenza de obra
-O executivo local lembra que a única solución para evitar a construción do edificio nesa parcela é que a Deputación merque os terreos
Cervo, 11 de maio de 2013- O Concello de Cervo valorou hoxe a presentación dun recurso por parte da Deputación contra a aprobación do estudo de detalle da parcela contigua ao Museo do Mar. Dende a administración local aseguran que “nós estamos totalmente en contra de que se constrúa un edificio de cinco plantas nunha parcela na que se debería ampliar o noso museo mariñeiro” manifesta o alcalde de Cervo.
Aínda así, o rexedor lamenta que Deputación “non fose máis alá e se quedase só nun recurso contra a aprobación do estudo de detalle”. De feito Villares amosouse sorprendido de que no recurso non se pida a suspensión do estudo de detalle. “Se o que lles interesase fose evitar a construción do edificio terían reclamado a suspensión do estudo de detalle” explica Villares. É por iso que “lle pedimos á Deputación que solicite a suspensión e demostre así que con este contencioso pretende que non se constrúa o edificio”.
O mandatario cervense explica que “tal e como toda a corporación vimos reclamando dende hai moitos anos, a única forma viable de impedir a construción é que a Deputación merque os terreos”. De feito, o rexedor está convencido de que “o goberno de Cervo é o único que realmente está en contra da construción do edificio mentres á Deputación non lle preocupa en absoluto, xa que nese caso tería mercado os terreos hai moito tempo”. Polo tanto, para o rexedor este contencioso é só “unha cortiña de fume para desviar a atención dos cervenses e tentar que se esquezan de que a Deputación ten o deber de mercar os terreos porque así o aprobamos todos os grupos da corporación de Cervo no 2005”.
De feito, Villares lembra que foi nese ano cando o BNG de Cervo presentou unha moción no pleno cervense que fora aprobada cos votos a favor de todos os grupos políticos da corporación. “Cando PSOE e BNG estaban na oposición, reclamaban con moito empeño a compra dos terreos. Pero en canto entraron no Goberno Provincial, abandonaron ese obxectivo e esquecéronse de todo o reclamado anteriormente”.
Estudo de detalle
Dende o Concello queren deixar claros os motivos polos que a administración local tivo que aprobar o estudo de detalle desta parcela. “É moi importante aclarar que o Concello tiña a obriga de aprobalo” explica o rexedor. E é que “nós estamos para defender a legalidade aínda que non nos guste” e, neste caso, cando un documento como o estudo de detalle está en orde, o Concello ten que aprobalo “a pesar de que esteamos totalmente en contra de que se edifique na parcela e, polo tanto, que se impida a ampliación do Museo do Mar”.
Aínda así, Villares lembra que o Concello tentou por todos os medios e vía legais “cambiar a cualificación do solo para conseguir que os terreos anexos fosen de uso exclusivo para ampliar o Museo do Mar”. Para iso, a administración cervense solicitara ao goberno da Xunta, daquela en mans do bipartito, que permitise o cambio de uso desa parcela, destinándoo unicamente a equipamento socio-cultural. “Pero o bipartito dixo que para facer ese cambio era imprescindible indemnizar aos propietarios, xa que eles, como donos, teñen uns dereitos adquiridos sobre as súas propiedades, que non se lles poden quitar sen antes indemnizalos”. Unha indemnización que “lle correspondía pagar á Deputación, polo compromiso adquirido no pleno da corporación, cousa que non fixo”.
O rexedor asegura que “indo ao fondo da cuestión, PSOE e BNG non foron consecuentes co que reclamaron cando estaban na oposición”. Polo tanto, “se o Goberno Provincial tivese mercado os terreos, este estudo de detalle non estaría aprobado”.
Ao mesmo tempo, o rexedor lamenta que “a Deputación aínda non fixese nada polo Museo do Mar máis que incumprir o acordo plenario unánime de todos os grupos políticos solicitando ao organismo provincial a compra dos terreos”. Villares engade que dende o 2008 o Concello enviou decenas de escritos ao Goberno Provincial pedíndolle información sobre os avances na compra da parcela, escritos que segundo o alcalde, “non tiñan resposta”.



















Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.



