Ribadeo, 22 de maio de 2013. O Concello axiliza os trámites para a construción do emisario da EDAR de Vilaselán e de dúas pequenas depuradoras en Porto e en Reme de Arriba. Este foi un dos asuntos abordados no pleno ordinario celebrado onte.
O rexedor explicou que “un dos asuntos importantes para Ribadeo foi darlle luz verde á construción do emisario que falta por facer para a evacuación das augas depuradas da EDAR de Vilaselán. Trátase dun trámite que levaba desde hai dous anos pendente, con diferentes negativas tanto da administración autonómica como estatal á hora de dar unha autorización que finalmente veu dada. E desde o Concello quixemos dar o plácet inmediato para que por parte da Xunta se inicie canto antes a construción deste emisario”.
Suárez Barcia subliñou que “tamén son moi importantes os requisitos que tivemos que autorizar desde o Concello para poñer os terreos a disposición da Xunta, e outros cantos requisitos máis, e que así poida levar adiante a construción de dúas pequenas depuradoras, unha en Porto na parroquia de Vilaosende e outra en Reme de Arriba na parroquia de Covelas”. O alcalde ribadense dixo que “este último núcleo está a verter ao río Grande, que desemboca na ría de Ribadeo e outro practicamente está a verter á ría. Coa posta en marcha destas dúas depuradoras resolveremos nunha parte importante os problemas de saneamento que existen nalgunhas zonas”. A Xunta executará esas obras en función dun convenio co Ministerio de Medio Ambiente, vinculado aos territorios reservas da biosfera.
Hospital da Costa
O equipo de goberno presentou para o seu debate e aprobación unha moción de urxencia para a creación dunha área sanitaria de xestión integrada da Mariña. Fernando Suárez indicou que “o atropelo que estiveron cometendo durante dous anos, negando e renegando que ían crear unha área sanitaria provincial e que despois de gañar as eleccións autonómicas por unha lexítima maioría cambiaran e se desdixeran de todo canto dixo o presidente da Xunta e a conselleira de Sanidade e que agora o Hospital da Costa vai pasar a ser un grande ambulatorio, pero dependente sempre de Lugo”. Para o rexedor “o triste non é depender de Lugo para que sexa outra área sanitaria pública, senón que todas as derivacións están indo a Lugo, pero á privada. Estase aproveitando a situación de crise enorme e de recortes para impoñer un modelo neoliberal e clasista, de que quen teña diñeiro poida pagar unha sanidade de calidade e o que non terá dereito a unha sanidade modelo beneficencia do século XIX”. A moción presentada polo BNG contou co apoio de PSOE e UPRI e a abstención do PP.
Aforradores
O goberno municipal tamén levou ao pleno as participacións preferentes e subordinadas, “o que plantexamos esixir a derogación do Real Decreto aprobado polo goberno hai poucas semanas e polo que se lles expropia grande parte dos seus aforros ás persoas afectadas por este tipo de participacións, onde se lles confirma a quinta e onde cremos que haberá unha auténtica revolución social no que caso de que isto que está aprobado se chegue a executar”. O pleno aprobou “darlle un prazo a NovaGaliciaBanco dun mes para que proceda a iniciar a devolución íntegra das cantidades estafadas aos aforradores de Ribadeo coas preferentes e subordinadas. De non ser así nós desde o Concello imos proceder á cancelación das contas municipais en NovaGaliciaBanco coa única limitación da preservación dos intereses municipais”.
Fernando Suárez pensa que “estamos diante de momentos complicados, inéditos, nunca pensamos que poderíamos chegar a esta situación. É necesario que as administracións locais deamos pasos precisos para que outras administracións nos sigan. Eu entendo que outros Concellos da Mariña, por non dicir de todo o país, deben facer o mesmo que estamos a facer en Ribadeo”. O alcalde entende que “quen pode resolver agora isto é o goberno do Estado e o goberno da Xunta e nós desde o goberno municipal dixemos ben claro que rexeitamos a violencia contra calquera persoa, pero entendemos e xustificamos que sen presión política esta xente está sentenciada e está condenada. Ao final de todo o debate con intervencións duras e ás veces inxustificadas por parte da portavoz do PP, ao final acabaron retirando a súa proposta e apoiando de xeito unánime, xunto aos outros partidos, a moción que o goberno municipal puxo enriba da mesa”.























A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Conta con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibirán as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolle a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destaca a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Estímase que ata o domingo se acheguen a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.
O horario será o seguinte: Martes, 20 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas. Mércores, 21 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas. As persoas interesadas poden solicitar cita previa a través do teléfono 981 92 80 80 ou da páxina web
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



