– Esta iniciativa conta cun orzamento de 10,2 millóns de euros a investir entre 2013 e 2014
– Os participantes melloran a súa empregabilidade, ao tempo que dispoñen dun posto de traballo
– Este ano, como novidade, inclúense entre os posibles beneficiarios ás persoas desempregadas de entre 18 e 25 anos
– Os concellos deberán asumir o compromiso de procurar a entrada no mercado laboral posterior das persoas participantes, de feito, a media de inserción destes programas encóntrase preto do 70%
Santiago, 16 de maio de 2013.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de obradoiros de emprego. Esta iniciativa beneficiará a máis de 1.000 desempregados e desempregadas galegas, grazas a un investimento de 10,2 millóns de euros que se distribuirá entre 2013 e 2014.
En total, ao abeiro desta orde, financiaranse máis de 43 proxectos cunha duración de seis meses. No transcurso das diferentes iniciativas, os participantes mellorarán a súa empregabilidade, ao tempo que dispoñen dun posto de traballo.
Polo tanto, a finalidade destes programas é combinar a formación cun traballo efectivo, isto é, contarán cun contrato de traballo e un salario mentres toman parte nesta actividade.
Todos os alumnos recibirán formación profesional para o emprego adecuada as esixencias dos certificados de profesionalidade durante toda a duración do proxecto, isto é, formación acreditable. E, ademais, contarán con orientación e asesoramento profesional, empresarial e laboral; así como a formación, se é o caso, nas competencias clave cara á obtención dos correspondentes certificados de profesionalidade. Tamén disporán de educación compensatoria: para os que non alcanzaran os obxectivos da ESO, así como módulos en materia de seguridade e saúde no traballo, alfabetización informática, sensibilización medio ambiental e en igualdade de xénero.
Os participantes realizarán obras ou a prestación de servizos de interese xeral e social, ao tempo que se cualifican profesionalmente. Deste xeito, os obradoiros contan cunha triple dimensión: melloran a empregabilidade dos participantes; permítese a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas; e promove a colaboración institucional entre a Administración autonómica e a local.
Os beneficiarios dos obradoiros serán desempregados tendo preferencia aqueles colectivos con especiais dificultades de inserción: mozos e mozas menores de trinta anos; mulleres en xeral e vítimas de violencia de xénero; persoal traballador que esgotou as prestacións e subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas que carecen de títulos universitarios ou de FP de grao superior; persoas con discapacidade; ou persoas pertencentes a colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente as persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia. Como novidade, cómpre salientar a inclusión entre os posibles beneficiarios das persoas desempregadas de entre 18 e 25 anos.
As axudas poderán ser solicitadas, como entidades promotoras dos obradoiros, tanto polas entidades locais como polos seus organismos que teñan competencias na promoción de emprego, así como os consorcios.
Os concellos recibirán un anticipo de crédito do 25% da subvención concedida e, como xa ocorreu na convocatoria anterior, deberán asumir o compromiso de procurar a inserción laboral posterior das persoas desempregadas participantes, de feito, a media de inserción destes programas encóntrase preto do 70%.