Cervo, 9 de maio de 2013-O goberno de Cervo asegurou que o pleno da corporación celebrado esta mañá desenvolveuse con normalidade, de forma que se debateron todos os puntos contemplados na orde do día, entre os que se atopaban asuntos económicos de importancia. Pero cando quedaba pouco para que rematase a sesión, entraron varias persoas cunha pancarta, unha delas a parella dunha edil do PSOE de Cervo.
O executivo local explica que “en varias ocasións se lles pediu dende a presidencia do pleno, por favor e con moita educación e respecto, que retirasen a pancarta para poder continuar coa sesión”. O goberno municipal matiza que “só se lles pediu que gardasen a pancarta” polo que “puideron quedarse a escoitar o pleno, onde son benvidos como todos os cidadáns”. O grupo de goberno lembra que “calquera persoa ten dereito a asistir aos plenos, que son públicos”.
Neste caso, engade o goberno municipal, “pedimos por favor aos manifestantes ata catro veces seguidas que retirasen a pancarta” sen que se chegase a producir. O equipo de goberno asegura respectar “a todas as persoas, asociacións, plataformas ou entidades e as súas opinións, reivindicacións ou inquedanzas, e que as expresen libremente, como non podería ser doutra maneira, e así foi como actuou o grupo de goberno”. Para o executivo local “mostra disto é que estas persoas permaneceron no salón de plenos durante a sesión e marcharon cando eles consideraron”.