-Esixen que “non se poña en boca de ningún membro do GMS algo que non se dixo. Non entramos a valorar se a Praza dos Campos é relevante, imprescindible ou seguimos pensando o mesmo que hai uns anos”
-Está claro que “a día de hoxe temos todo o dereito de facer uso dun ben que se financiou cos cartos de todos. Se prefire falar de incongruencias, os membros do seu equipo sairán bastante máis perxudicados”
CERVO, 3 DE MAIO. Os socialistas de Cervo non dan crédito ás declaracións da concelleira Pilar Armada en contestación ó seu agradecemento por celebrar o Día do Xubilado novamente no concello, aseguran que “a señora Pilar Armada ten que empezar a ler e deixar de interpretar”.
Insisten en que “as notas de prensa enviadas polo PSOE de Cervo ós medios están moi clariñas e precisas, non dan lugar a ningún equívoco pero esta concelleira para poder evadirse do tema, interpreta ó seu antollo o que se escribe. Recomendámoslle que empece a ler e comprender ben o que tratamos de transmitir”.
Os membros do Grupo Municipal Socialista lembran que “só nos referimos á Praza dos Campos como lugar no que ía ter lugar esta festa, non entramos a valorar se é relevante, imprescindible ou seguimos pensando o mesmo que pensábamos hai uns anos. Asique, señora Armada, non poña en boca de ninguén o que non se dixo”.
En todo caso, á marxe da polémica, queren deixar claro que “nós defendimos outra alternativa, pero a día de hoxe temos todo o dereito a facer uso dun ben común que foi financiado cos cartos de todos nós como contribuíntes. Só faltaría”.
Os socialistas din que os membros do PP son os menos indicados para falar de incongruencias xa que podemos recordarlles cómo “algúns dos que forman agora o equipo de goberno foron, hai uns anos, casa por casa pedindo ós veciños cartos para que os rapaces de 14 anos non fosen á zona do Galdín. A día de hoxe, a este colexio asisten nenos de ata tan só tres anos, e ninguén pon problemas. Señora Armada, deixe de meterse onde ninguén a chama, e empece a ler en vez de interpretar”.