Cúmprense dous anos da chegada do PP e o Sr Castiñeira ao Concello de Foz, no ecuador do seu mandato é o momento de facer un repaso ao grado de cumprimento do programa electoral co que se presentaron ás eleccións, bueno o de cumprimento é un dicir, mais ben do seu incumprimento.
Recordar que o seu proxecto estrela era a remodelación da zona portuaria, o “Megaporto” como dicimos os focenses para entendernos mellor, pois á fecha, dese mega-proxecto nada se sabe agás un estudio no que se pode dicir que tiraron 63.000€ xa que non lles convencen as conclusións polo que van seguir na súa tónica de seguir estudiando, mareando así a perdiz, para que pareza que fan cando en realidade o que fan é malgastar uns cartos que estarían mellor no prometido e aprazado unha vez tras outra dragado do porto. Nin rastro de novos amarres, nin da estación náutica, nin da nave de redes, nin centro de ocio onde dicían que ían poñer unha casa da musica e o teatro, nin do aparcadoiro soterrado, nin do paseo ata os estaleiros.
Tamén tiñan un plan de excelencia turística no que ían potenciar a marca de Foz no exterior e como non sexa por viaxar a Fitur a conta de tódolos veciños o alcalde e a concelleira fai dous anos e alcalde o pasado ano nada se sabe, bueno si potencian o turismo, pero ao revés, coa perda unha bandeira azul nunha das praias do noso Concello, a de Xuncos.
Falábanos de promover campañas fora de temporada e o que pretendían facer, de non ser pola oposición e a toma das rendas dos empresarios de hostalería, era suprimir a festa do berberecho.
No ámbito deportivo prometían remodelar a pista do campo da cabana, construír pistas de padel, ou facer competicións de caza, pesca e descensos no rural, sabedes algo de esto, nada verdade, pois eu tampouco. A pista do campo sigue igual si acaso mais sucia que nunca, e ao padel como non xoguemos noutros concellos. O da caza a min persoalmente dáme igual, de feito esta é unha das cousas que me alegra que non teñan cumprido, na miña forma de pensar non se pode considerar deporte matar animais por diversión.
No eido cultural á xa citada e non levada a cabo, casa da música e o teatro uníase a construcción do anexo a sala Bahía e o único que tivemos foi unha queixa dos pais e educadores da escola infantil A galiña azul pola carpa que esta posta na sala e provoca infinidade de humidades no patio de recreo da escola. Da creación da revista local tampouco hai noticias.
No programa de acción social destacaban a creación da novo Xeriátrico e Centro de día e a fecha solo existe un estudio ou anteproxecto, si outro deses cos que nos intentan convencer de que están facendo moito e anuncian a bombo e platillo, pero a realidade que é bastante mais terca demostra que non existe proxecto propiamente dito nin o que é mais necesario finanzamento para execución desta obra tan necesaria para os maiores de Foz.
Podemos lembrar as palabras do alcalde fai dous anos cando, ante a reclamación do PSOE para que se crease unha nova escola infantil, dicía que Foz tiña cubertas as necesidades de prazas e hoxe vemos na prensa que no noso concello se concentra mais da metade das solicitudes de nenos e nenas que quedaron sen praza nas escolas infantís.
Nin pisos de acollida, nin catering asistencial, nin 065 de transporte as parroquias, eso si o Sr Alcalde permitiu e xustificou que a ambulancia asistencial vise reducido o horario de atención aos veciños, a asistencia a domicilio desatendida ao non contratar durante varios meses un traballador para cubrir unha praza que se atopaba baleira. Prometían loitar polo hospital da costa, xa se viu, nin un “pero” ás imposicións da Xunta de Galicia e o incumprimento da promesa de non integrar o noso hospital na area de Lugo, lamentable que un alcalde se dobregue os mandatos do seu partido, o PP, e non se poña ao lado dos intereses que reclaman a maioría dos seus veciños, nin o fixo coa ambulancia nin co hospital.
E nas parroquias, que vamos dicir das parroquias, abandonadas é a palabra que mellor define o seu estado, onde a única inversión relevante son as beirarrúas que esta a facer a Xunta en Cangas, por fin, despois de prometelas en innumerables ocasións. Nin asfaltados, nin rebacheos, nin desbroces, os investimentos parece que solo se destinan aos xardíns do casco urbano previa contratación dunha empresa externa de xardinería.
E polo emprego, que fixo Castiñeira polo emprego, nada de nada, de non ser porque o PSOE o obrigou a incluír un plan de emprego nos presupostos do pasado exercicio, nada de nada, encima malgastou os recursos destinados a ese plan, redactando unhas bases de contratación de costas a oposición en contra do que tiña pactado e contratando a presa e correndo fora de temporada estival que sería cando mais necesario é o reforzo de persoal.
Incumpre vostede sistematicamente os acordos plenarios, Sr Castiñeira, non pactou as bases de contratación do plan de emprego, non cumpre o acordo de pagar o que adebeda ao persoal municipal que esta recollido na RPT, quedoulle moi bonito dicir na prensa, cando veu Feijóo a entregar as bandeiras azuis ao noso concello, que Foz era o primeiro concello da Mariña en contar con socorristas nas praias, explique as veciños o que se tiveron que desvivir e protestar eses mozos e mozas que lle fixeron quedar a vostede ben diante da prensa e de Feijoo o “canutas” que as pasaron para cobrar polo seu traballo, si é que cobraron, cousa que non teño aínda demasiado clara a día de hoxe.
Recordo cando no ámbito educativo o Concello de Foz ofertaba gratuitamente clases de inglés, de técnicas de estudio, de informática e outras, sei que eran grazas a unha subvención, si, pero o ano pasado tamén houbo unha subvención da Consellería de Educación, en concreto para loitar contra algo tan preocupante coma o abandono escolar, pediuna vostede Sr Castiñeira, e de ser así, concedéronlla? Si foi concedida, que actuacións fixo con cargo a ela? Vai pedila este ano?
Seguramente me queden cousas no tinteiro, tamén sei a resposta que vai dar o alcalde, o manido “non hai cartos” ou “a culpa é da oposición por non aprobar o plan de axuste” e seguira co empeño de vender fume dicindo que aforrou mais de catrocentos mil euros, cousa que non é certa pois ten mais de trescentos noventa mil euros fora de contabilidade en facturas sen pagar e o remanente positivo que lle queda é bastante mais escaso en torno aos cento trinta mil euros, onde esta incluída a paga extra de Nadal que non lles foi abonada aos traballadores.