Mondoñedo, 7 de maio de 2013- Técnicos da Consellería de Industria mantiveron hoxe unha xuntanza con promotores locais durante a que abarcaron os proxectos nos que están a traballar os empresarios mindonienses con ideas que permitirán dinamizar a economía local.
Este encontro estivo promovido polo Partido Popular de Mondoñedo co obxecto de establecer a primeira liña de contacto entre os emprendedores locais e a Xunta de Galicia, acercando, desta forma, e unha vez máis, a Administración autonómica ás zonas deprimidas economicamente.
A reunión tivo lugar despois da mesa para a dinamización local celebrada hoxe en Mondoñedo, na que participaron representantes da Xunta de Galicia e en concreto da Consellería de Industria, e no transcurso da que o PP local trasladou ás conclusións ás que espertos en turismo chegaron no foro sobre este sector, celebrado o pasado 27 de abril na Casa da Xuventude local e organizado por Novas Xeracións do Partido Popular.
Propostas do PP de Mondoñedo
Os populares explicaron durante a celebración da mesa as tres conclusións principais acadadas, que permitirán aproveitar o potencial turístico que ofrece a localidade, e que trasladaron a través do rexistro dunha moción plenaria. A primeira delas, é a necesidade urxente de que a administración local reforce a oficina de turismo de Mondoñedo, así os populares solicitáronlle ao equipo de goberno local que realice as xestións necesarias para acadar este fin.
Durante o foro de debate, tamén se fixo fincapé sobre a necesidade de aproveitar os recursos que non supoñen unha forte inversión económica para dar a coñecer a localidade, como é o aproveitamento do uso das novas tecnoloxías e a creación dun portal web.
Por último, os populares reivindicaron o necesario consenso dun horario operativo e eficaz entre todas entidades implicadas no turismo local, como son os empresarios privados e as institucións relixiosas, xestoras de gran parte do patrimonio cultural, como son a Catedral e o Museo.
Por outra banda, os populares locais tamén trasladaron a posibilidade de celebrar un encontro de familiarización entre empresarios mindonienses e axencias de viaxes ou xornalistas de turismo, co afán de aproveitar todas as posibilidade que buscan potenciar turisticamente Mondoñedo.
Mesa para a dinamización económica local
Ademais de aportar as conclusións obtidas no foro de turismo; durante a celebración desta mesa, o PP local pediu concreción e operatividade. Así, solicitaron que o traballo poda dar froitos a curto prazo.
Para elo, dende o Grupo Popular reivindicaron a necesidade de que Mondoñedo adquira máis presenza nos instrumentos que xa existen, xa que se está nun momento no que é obrigado facer máis con menos, co obxecto de obter a maior rendibilidade aos recursos.
O Partido Popular explicou que se está nun contexto no que é necesario traballar co sector ao tempo que agradece o acercamento, sensibilidade e implicación da administración autonómica co municipio, tanto a través da reunión mantida con promotores locais como na participación posta de manifesto durante a mesa creada para o fomento da economía local.
Dende o PP local, aseguran que esta é unha mostra máis da colaboración da Xunta de Galicia coa localidade, dende o peche da factoría Ecar na localidade e a posterior organización dunha mesa de traballo, coa participación de Industria, Concello e Grupos Políticos locais, co único obxecto de procurar alternativas de futuro nunha comarca lastrada pola crise económica.
Os populares lembraron a primeira mesa centrada na xestión forestal sostible, como unha fonte de recursos para a creación de postos de traballo; a que lle seguiu esta segunda, que abarcou o sector turístico, mentres que na terceira tratarase a dinamización do comercio local e o apoio a autónomos e pemes.
Así, o PP tamén citou a concesión por parte da Xunta de Galicia dun obradoiro dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia, que se puxo en marcha coa restauración do pobo do Vilar e que polo tanto “está a construír un proxecto turístico”.