Burela, 27 de xuño de 2013. Este mediodía presentáronse no Concello as actividades culturais da II Festa Castrexa. O vindeiro 5 de xullo ás 20:30 horas no auditorio municipal terá lugar o estreo dunha peza musical composta por Xoan Rompe. Titúlase A viaxe de Brandan e será interpretada pola Escola de Música de Burela. A continuación presentarase a primeira publicación científica de carácter monográfico sobre o torques de Burela. A historiadora, especialista en cultura castrexa e directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, é a autora deste libro O torques de Burela, a xoia do noso patrimonio. O alcalde, José María González Barcia subliñou que este actos serán unha homenaxe aos orixes do pobo de Burela e agarda que a asistencia aos mesmos sexa masiva.
O rexedor explicou que “o apartado cultural da festa castrexa consta de dúas partes. Vaise estrear unha peza musical, entre sinfonía e ópera, composta por Xoán Rompe e que estará dirixida por Xulia Nogueira e Xan Carballal. Para interpretar esta peza, que ten unha duración aproximada duns 40 minutos, contamos coa participación da Escola de Música de Burela”.
González Barcia contou que “a continuación terá lugar a presentación da primeira publicación científica de carácter monográfico sobre o torques de Burela escrita por Aurelia Balseiro, que é unha historiadora de Burela, actualmente directora do Museo Provincial de Lugo, é unha persoa de recoñecida traxectoria no mundo da prehistoria e tamén é especialista en cultura castrexa.O libro titúlase O torques de Burela, a xoia do noso patrimonio. Está editado polo Concello de Burela e patrocinado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo”.
Estes dous actos desenvolveranse no auditorio municipal o 5 de xullo, “primeiro será o estreo da peza musical que se titula A viaxe de Brandan e a continuación a presentación do libro. Como se ve o apartado cultural da festa castrexa presenta este ano un elevado nivel. Non se da todos os días o estreo dunha peza musical que ten que ver coa cultura castrexa e tampouco se da todos os días a presentación do primeiro libro de carácter monográfico sobre o torques de Burela”, engadiu o rexedor.
José María González Barcia convida publicamente a participar a todos os veciños e as veciñas de Burela nestes actos “coa seguridade de que son actos que ademais de teren un alto nivel cultural tamén nos reafirmarán mais si cabe nas nosas orixes e ter máis presente aínda de onde vimos. Burela ten raíces castrexas, desde O Castro a xente que habitaba Burela hai uns dous mil anos miraba cara o mar ao igual que o facemos agora. O torques representa o traballo e o sacrificio para pulir unha peza de incalculable valor, traballo e sacrificio que seguen a ser valores dos bureleses actuais”. O alcalde subliñou que “o que pretendemos con estes actos culturais é darlle realce cultural á festa castrexa, que ten a súa parte lúdico festiva o día 6 de xullo, darlle realce en base a ir organizando co paso dos anos unha serie de actividades culturais vinculadas con esta cita de forma semellante, pero salvando as distancias, co que se fai co Arde Lucus en Lugo”.
“Somos plenamente conscientes dos medios que temos, da humildade dos mesmos, pero tamén somos conscientes da enorme riqueza e do enorme patrimonio artístico que posuímos , baseándonos no torques de Burela. Sirva este aspecto cultural como homenaxe ás orixes do pobo de Burela, aos antepasados que aquí viviron hai dous mil anos e sirva tamén como recoñecemento a esa base histórica do noso concello e unha reafirmación do que somos como comunidade e colectividade”, indicou o alcalde que agarda que “a asistencia sexa masiva o vindeiro venres, 5 de xullo, ás 20:30 horas no auditorio municipal. Quero agradecerlle á Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo a súa implicación para que o libro de Aurelia Balseiro sexa unha realidade, agradecerlle tamén á propia autora a deferencia que tivo para sacar adiante esta publicación e á Asociación de Comerciantes de Burela o seu empeño por facer posible a festa castrexa e incrementar o interese desta festa para todos os cidadáns”.