Cervo, 6 de xuño de 2013-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o subdirector da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), Santiago Álvarez, asinaron este mediodía o convenio para a posta en marcha do plan de fomento do emprego xuvenil que promove e financia a administración cervense e para a que o Consistorio inviste uns 35.000 euros durante este ano. Un acto ao que tamén asistiu a edil de Emprego, Yolanda Pedreira.
Unha sinatura que supón, tal e como explica Villares “un paso máis na execución deste importante proxecto” a través do cal o Concello de Cervo ofrecerá bolsas de formación aos titulados cervenses que inclúe prácticas remuneradas nos distintos campos da administración local e nas empresas colaboradoras. O rexedor aproveitou para “agradecer a FEUGA o seu apoio á hora de implantar esta medida para a xuventude e a súa formación” e destaca o seu traballo e o seu labor “de axuda ao tecido empresarial e a súa achega á formación dos titulados galegos”.
O mandatario cervense destaca que este é o primeiro ano que Cervo conta con esta acción “que permitirá a multitude de mozos e mozas cervenses adquirir coñecementos prácticos e experiencia nun entorno real de traballo para a súa posterior inserción no mercado laboral” e engade que “xa estamos traballando para darlle continuidade no tempo”. Para iso, o Concello prevé destinar unha partida específica no orzamento de 2014 que permitirá realizar un novo investimento para o ano que vén e, en consecuencia, poder ofrecer bolsas remuneradas a máis titulados.
Dende o departamento de Emprego lembran que as solicitudes dos titulados que optan a participar nesta acción, un total de 21, estanse tramitando para poder iniciar as prácticas o antes posible. Ao mesmo tempo tamén explican que a información e inscrición sobre este programa mantense aberta de forma continuada
Un programa que está dirixido a mozos e mozas con título universitario menores de 31 anos e a titulados de FP de grao medio e superior menores de 30 anos que estudasen no sistema público galego, sempre que transcorresen menos de 3 anos dende a obtención do título e que non teñan desempeñado un traballo profesional remunerado relacionado coa súa titulación.
Ao mesmo tempo, cabe especificar que hai dous tipos de entidades nas que os titulados realizarán as súas prácticas, sempre tendo en conta a súa formación xa que é imprescindible que poidan adquirir experiencia no seu campo específico de traballo. Por unha banda, os beneficiarios poderán efectuar as prácticas no Concello de Cervo, incluíndo todos os servizos municipais que presta. Neste caso a retribución corre a cargo da administración local ao 100%.
Ao mesmo tempo, os titulados tamén poderán formarse en empresas privadas asentadas no concello, unha modalidade a través da cal a empresa achegará o 50% da retribución do bolseiro e o Concello o 50% restante. Unha fórmula “que pode supoñer ademais un apoio ao tecido empresarial cervense” remata Villares.