O BNG convocou unha concentración para este sábado 1 de xuño en Ribadeo onde se defendeu o seguinte manifesto:
1 DE XUÑO. POBOS CONTRA A TROIKA. Galiza contra o roubo da banca, a UE e o PP
O BNG foi sempre profundamente crítico coa Unión Europea, un proxecto que careceu desde os seus comezos dunha perspectiva social e política a favor das maiorías sociais e dos dereitos dos pobos e que, pola contra, se ergueu unicamente como espazo para a ampliación e consolidación dos mercados.
Denunciamos desde o comezo o que ía supoñer: unha política económica letal para o desenvolvemento endóxeno dos diversos pobos e unha política monetaria ao servizo do capital financeiro, desentendida das diverxencias socioeconómicas reais que ía enxendrar ou agravar.
Opuxémonos, por iso, no 1986 á entrada na CEE, denunciamos no 1992 o Tratado de Maastricht e pedimos abertamente, no 2005, o voto en contra no referendo sobre o Tratado para a Constitución Europea. Do Mercado Común Europeo á Comunidade Económica Europea á actual Unión Europea, esta Europa que nos venden como única posibilidade para o progreso e o benestar foi simplemente iso, un mercado ao servizo da grande banca e do grande capital, a estrutura que adopta no noso continente o capitalismo globalizado.
O tempo deunos a razón. Hoxe, con tantos motivos coma sempre pero con máis evidencias ca nunca sobre o papel da UE, é preciso respondermos desde a rúa, de forma ampla e plural, ás políticas que desde Bruxelas nos impoñen o empobrecemento social e a eliminación de dereitos. Non queremos renunciar ás nosas vidas e ao noso futuro por causa dos dogmas desta Europa neoliberal. Facermos fronte ás políticas impostas pola UE e aplicadas na Galiza e no Estado polo PP é a única maneira de garantirmos posibilidades reais de democracia, traballo e benestar para as nosas sociedades.
Participamos e chamamos a participar desta mobilización europea dos pobos contra a Troika desde o convencemento de que é preciso darmos unha resposta galega e popular ao roubo da banca, da UE e do PP. Cómpre poñer nas mans do pobo e dos gobernos as decisións políticas, hoxe secuestradas polos
mercados. Cómpre gañarmos soberanía para poder tomar decisións políticas en función dos intereses e necesidades das maiorías sociais. E cómpre rompermos a dependencia económica e a subordinación política de Galiza para garantir o noso desenvolvemento económico, social e cultural.
Precisamos e queremos defender as nosas vidas, o noso futuro. Precisamos e queremos soberanía para Galiza, democracia e xustiza social. Este 1 de xuño, xunto con moitas outras e outros, estamos na rúa, cos pobos e contra a Troika.