Lugo, 27 de xuño de 2013. Esta tarde, o salón de actos da Deputación de Lugo acolleu a presentación do libro de Xosé Lois García, Remitencias, un poemario acompañado de fotografía que nos mostra a testemuña dunha realidade xeográfica e humana desaparecida polo asolagamento de vilas, aldeas e lugares das beiras do Miño (O Saviñao, Chantada, Taboada, Paradela e Portomarín), producido a consecuencia da construción, no franquismo, dun encoro que foi inaugurado no ano 1963, que vai facer agora 50 anos. Na presentación, ademais do delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participaron o autor, Xosé Lois García, Alfonso Blanco, presidente da asociación cultural Xermolos, e Xesús Alonso Montero, como prologuista do libro.
Na súa intervención no acto de presentación do libro, o nacionalista Mario Outeiro destacou que o libro de Xosé Lois García “cos seus 86 poemas e 86 fotografías representan unha testemuña tráxica dunha realidade xeográfica e humana desaparecida polo asolagamento e vilas, aldeas e lugares das beiras do Miño, producido a consecuencia da construción, no franquismo, dun encoro que foi inaugurado no ano 1963, vai facer agora 50 anos”.
O delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, destacou que “este libro remítenos a aqueles anos da longa noite de pedra en el a pedra emerxe en rebeldía. Foi unha testemuña silandeira que acusa e sinala a voracidade destrutora dun capitalismo que producía e exportaba enerxía mentres que, naquela altura, moitas zonas desta provincia non contaban aínda con luz eléctrica”. Engadiu Outeiro que “Xosé Lois García trasládanos, con Remitencias, ao mundo mítico das cidades mergulladas, tan presente na tradición oral da Galiza”.