Lugo, 22 de xuño de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou esta tarde na entrega de premios da 3ª Copa Deputación de Lugo de Atletismo, cuxa última xornada se celebrou no estadio Gregorio Pérez Rivera de Lugo.
Froito da colaboración para a organización da Federación Galega de Atletismo e o patrocinio da Área de Deportes da Deputación de Lugo, xurdiu hai tres anos a Copa Deputación de Lugo de Atletismo, unha proba que permite que os atletas disputen en Lugo probas con xuíces oficiais, polo que as marcas que acaden estarán homologadas e sempre é un importante test final de tempada.
Probas coma esta contribúen a dinamizar o atletismo en Lugo, no que a Área de Deporte da Deputación de Lugo ten realizado investimentos coma no módulo cuberto de atletismo, no que se investiron máis de un millón de euros, acadando unhas instalacións que ofrecen a posibilidade da práctica do atletismo en baixo calquera circunstancia meteorolóxica.
Desde a organización, deron as grazas á Área de Deporte da Deputación pola súa colaboración e explicaron que este ano se incrementou o número de participantes debido á organización de actividades específicas en categorías cadetes, o que fomentou a presenza de participantes de distintos puntos da provincia. Calcúlase que ao longo da competición se superaron os 700 deportistas no conxunto das probas disputadas.