O grupo municipal do Partido Popular de Viveiro no Concello de Viveiro a través do seu portavoz, Antonio J. Bouza Rodil, presenta unha moción ante o Pleno da Corporación Municipal propoñendo a adopción dos seguintes acordos:
– Manifestar o noso rexeitamento e condena ó terrorismo e, por suposto, ó levado a cabo por Resistencia Galega.
– Solidarizarnos coas vítimas destes atentados e apoiar ás Forzas e Corpos de Seguridade na súa tarefa de posta a disposición da Xustiza dos responsables destes actos.
– Rexeitar calquera tipo de acción ou declaración que xustifique, ampare ou lexitime a violencia terrorista, especialmente se proceden de representantes públicos.
Os populares viveirenses argumentan, defendendo a súa proposta, que “a partir do ano 2006, Galicia está padecendo violentos actos de terrorismo, cuxa autoría, a banda Resistencia Galega, ten reivindicado en varios casos. Entre eles están múltiples atentados consistentes na colocación e detonación de diversos artefactos explosivos e incendiarios en sedes de partidos políticos, organizacións sindicais ou empresariais, entidades financeiras, empresas, administracións públicas, etc; así coma nas vivendas de persoas relacionadas co ámbito xudicial, universitario e político”.
Nese sentido, explican os populares que “os partidos democráticos defendemos a dignidade do ser humano e os dereitos e liberdades que lle son inherentes, especialmente o dereito á vida e á integridade física e moral e propugnamos a democracia e o Estado de Dereito como base dunha convivencia en pluralismo, liberdade e igualdade. En consecuencia, opoñémonos e condenamos o uso da violencia para defender calquera tipo de posicionamento ou postulado político e ideolóxico e tamén rexeitamos calquera tipo de declaración ou acción que lexitime ou xustifique o terrorismo”.