Un total de 8 equipos da categoría cadete, catro masculinos e catro femininos, disputarán o encontro este sábado, 8 de xuño, nas instalacións do pavillón municipal
Lugo, 6 de xuño de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro, presentou, esta mañá, no salón de actos do Pazo de San Marcos, o III Torneo Cidade de Lugo de Balonmán, acompañado por David Rodríguez, responsábel da Academia Lucense de Balonmán (Aluba), club que organiza o encontro en colaboración co organismo provincial.
Esta proba deportiva disputarase este sábado, 8 de xuño, no pavillón municipal, nas categorías de cadete masculino e cadete feminino. Participarán catro equipos por categoría, procedentes das catro provincias galegas: o Lalín, o Acaluba, de Lugo, o Pabellón, de Ourense, e o Ribadosar, de Santiago de Compostela, na masculina, e o Lalín 1, o Lalín 2, o Pabellón, e o Acaluba, na feminina.
En canto ao modelo de competición, en cada categoría os catro equipos formarán un grupo, e xogarase baixo o sistema de Liga a unha volta todos contra todos. Os partidos serán de dous tempos de vinte minutos de duración cada un, con un descanso de tres minutos entre eles, dispoñendo, cada equipo, de un tempo morto por período.
Durante a súa intervención, o delegado de Cultura afirmou que “estamos ante un evento moi importante que fomenta a práctica deportiva dende idades temperás, xa que a categoría cadete está formada por rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 13 e os 16 anos, ao mesmo tempo que aposta pola igualdade no deporte coa participación da categoría feminina”.
Mario Outeiro convidou aos lucenses a presenciar “un torneo que traerá a Lugo xogadores e xogadoras de distintos equipos galegos, o que suporán unha importante repercusión económica na cidade, e que esperamos serva para impulsar un deporte que, nos anos 70 e 80, foi todo un referente en Lugo”.