A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, presentaron este luns o novo paquete de 8 servizos tecnolóxicos que o organismo provincial leva ós 9 Concellos da Mariña sumados ó Innova-TE que aceptaron esta iniciativa. Trátanse de Abadín, Burela, Cervo, Lourenzá, Mondoñedo, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto e Viveiro. Son todos os Concellos da Costa adheridos ó programa tecnolóxico da Deputación menos Foz que, sen explicación algunha, rexeitou este novo plan a pesares de non supor custe algún para as arcas municipais. E é que a institución luguesa finánciao na súa totalidade, nun 80% con fondos que acadou da Unión Europea, aforrando a cada Concello os 35.000 euros que, segundo os prezos no mercado, custan estas prestacións. É dicir, a Deputación aforra un total de 315.000 euros ós 9 Concellos da Mariña que aceptaron este novo paquete tecnolóxico.
Lara Méndez salientou que con esta iniciativa o organismo provincial dotará de conexión wifi a espazos públicos e consistorios, e adiantou que, antes de finais deste ano, ditos 9 municipios terán prazas e Casas do Concello con acceso libre e gratuíto a Internet. Para elo, a Deputación habilitará, en cada un dos municipios, 3 puntos de conexión á Rede: 2 en prazas consistoriais e 1 no interior dos propios consistorios, cunha velocidade de 256 kas por segundo, o máximo legal permitido para este tipo de servizos prestados por administracións públicas. Isto permitirá que os veciños destas localidades dispoñan de acceso a Internet libre e gratuíto dende calquera dispositivo móbil: ben un ordenador portátil, PDA ou teléfono, a espazos web coma páxinas institucionais, redes sociais ou correos webmail.
Este paquete, con 8 servizos tecnolóxico, inclúe, ademais, as seguintes actuacións:
– Mellora da calidade do servizo de banda longa.
– Asesoramento para optimizar o uso da sede electrónica implantada na primeira fase do Innova-TE.
– Creación de portal web e actualización de contidos nos xa existentes, activados na primeira fase do Innova-TE.
– Servizo de dinamizadores tecnolóxicos, que prestarán asesoramento técnico personalizado e in situ ós traballadores municipais para fomentar o uso da Administración Electrónica e sacarlle o máximo partido.
– Centro de Asesoramento Tecnolóxico. Prestarase un servizo de asesoramento tecnolóxico ós Concellos para resolver calquera dúbida ou consulta que poida xurdir no uso dos servizos implantados, tanto na primeira fase do Innova-TE, como nesta segunda, agora en marcha.
– Elaboración dun informe de recomendacións sobre o cumprimento da Lei de Protección de datos de Carácter Persoal, ó que están obrigadas as administracións locais.
– Realización dunha auditoría sobre a dotación de infraestruturas tecnolóxicas que lles foron proporcionadas na primeira fase do Innova-TE co fin de garantir o seu correcto funcionamento e determinar a súa continuidade ou mellora.
Formación e asesoramento personalizado
A Deputación non só ofrece dotacións técnicas, senón que incorpora un importante equipo humano, composto por unha ducia de profesionais, que, durante un ano, estarán a disposición dos Concellos para resolver dúbidas e darlles formación e asesoramento personalizado co obxectivo de fomentalo uso de todas aplicacións proporcionadas e as TIC en xeral, ademais de garantir o seu correcto funcionamento, e sacarlle o máximo partido. Co mesmo obxectivo de garantir a operatividade dos proxectos e manter unha relación fluída coa institución luguesa, os Concellos nomearon un interlocutor ou técnico, que será a persoa coa que se planificarán e coordinarán todas as actuacións a realizar.
Novos servizos en 48 Concellos
Co encontro que a Vicepresidenta e o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación mantiveron hoxe con técnicos municipais destes 9 Concellos, o organismo provincial pon en marcha a implantación deste paquete tecnolóxico en todos os Concellos do Innova-TE que o aceptaron. Son todos menos Foz, sumando 48, ós que a Deputación aforra un total de 2 millóns de euros. Trátanse de: Abadín, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Burela, Carballedo, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cervo, Chantada, O Corgo, A Fonsagrada, Friol, Guitiriz, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita, A Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, Sober, Taboada, Triacastela e Viveiro.
Os municipios que se negaron a entrar no proxecto tecnolóxico da Deputación, que ofrece novos servizos ós cidadáns a custe cero para as arcas municipais, son os seguintes: Antas de Ulla, Alfoz, Bóveda, Barreiros, Cospeito, O Courel, Ourol, Outeiro de Rei, O Saviñao, O Vicedo, Trabada, Xermade, O Valadouro, Pantón, Guntín, Vilalba e Paradela. Polo que respecta ó Concello de Foz, a pesar de terse adherido nun principio ó Innova-TE, rexeitou o novo paquete de 8 servizos tecnolóxicos que lle ofreceu gratuitamente a Deputación, sendo o único municipio que así o fixo.





















Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.