Burela, 4 de xullo de 2013. A Concellería de Servizos Sociais incrementa as actividades relacionadas co seu Programa de prevención do absentismo escolar. O vindeiro luns, 8 de xullo, dará comezo unha Escola de nais e pais.
O programa de educación familiar da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade leva a cabo durante todo o ano o Programa de Prevención do Fracaso e do Absentismo Escolar que conta con varias actividades como son: a orientación e o asesoramento a familias e rapaces durante todo o ano, a coordinación cos centros educativos e outros axentes sociais e de emprego e a participación no protocolo do absentismo escolar desenvolto pola Consellería de Educación, a Deputación de Lugo e algúns Concellos de Lugo.
“Debido ao grande éxito que están tendo estas iniciativas no equipo do goberno decidimos crear outras tanto para a época estival como para a época dos exames de recuperación en setembro”, explica a edil Diana Durán.
A actividade do verán será a Escola de nais e pais, “un taller no que se tratarán temas como as funcións parenterais, a prevención do fracaso escolar e do abandono prematuro da escola, as causas e consecuencias do absentismo escolar, estratexias de motivación para o estudio, etcétera”, dixo a concelleira de Servizos Sociais. Esta escola levarase a cabo os días 8,15, 22 e 29 de xullo e 5 de agosto en horario de 12 a 14 horas na Casa do Concello.
E en setembro, o protagonista será un Obradoiro de técnicas de estudo, aprendizaxe e motivación dirixido sobre todo a rapazas e rapaces estudantes de ESO e PCPI ou que estean preparando algunha proba para a obtención do título en ESO, probas de acceso ou exames de recuperación. Realizarase do 2 ao 6 de setembro en horario de 12 a 14 horas na Casa do Concello.
Os mozos, mozas e pais que precisen máis información poderán chamar ás Oficinas de Información do Concello ao teléfono 982 58 60 00 e preguntar por Noelia Legaspi, a educadora familiar.