A Mariña, 3 de xullo de 2013. A responsábel do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na comarca da Mariña, Ana Ermida, denuncia a falla de calidade democrática de España, Francia, Portugal e Italia tras negarse onte a autorizar que o avión do presidente de Bolivia, Evo Morales, atravesase o seu espazo aéreo e negarlle, tamén, permiso de aterraxe.
Para os nacionalistas, este comportamento supón unha evidente violación ao dereito internacional e en especial do Tratado de Viena sobre a inmunidade dos presidentes. “Trátase – segundo Ermida- dun novo ataque contra Bolivia e o pobo bolivariano a través do seu presidente que, ao mesmo tempo, demostra a sumisión dos estados europeos ante os ditados imperialistas de Estados Unidos.”
Desde o Bloque chámase a atención sobre o paradoxo que supón que Europa estea afectada polo espionaxe norteamericano, que motiva que se estea a falar de perda de confianza cos Estados Unidos e, ao mesmo tempo, se estea respondendo aos seu mandatos.
Ana Ermida conclúe afirmando que “o cambio de postura anunciado hoxe polo Goberno de España, que ven de autorizar o sobrevoo do avión presidencial bolivariano por territorio español e permitir escala técnica nas Palmas de Gran Canaria, só fai ratificar o erro, o delito e a inxustiza cometidos onte. A incompetencia amosada por algúns estados europeos mudará as relacións cos países de América Latina, que xa amosaron o seu apoio e solidariedade a Evo Morales, e, con seguridade, terá consecuencias nas relacións económicas, máis nun momento como no actual no que se está a negociar tratados de libre comercio coa Unión Europea.”