Cervo, 4 de xuño de 2013.- O Partido Popular de Cervo arremeteu hoxe contra o único concelleiro nacionalista na corporación, Xoán Antón Estúa a quen lle acusou de torpedear os consensos e de manipular politicamente á Comisión Sanitaria de Cervo.
Os populares aseguran que a estratexia de instrumentalización partidista promovida por Xoán Antón Estua en colaboración co PSOE local levou á división deste colectivo que a diario sufre un goteo de abandonos por parte das asociacións máis importantes e representativas do municipio, tras rexeitar a manipulación política desta plataforma.
Os populares insisten en que foi o BNG e, moi en concreto, a estratexia posta en marcha por Xoán Antón Estua a que impide desenvolver unha posición unitaria no concello e que é a súa intransixencia e sectarismo político a que leva á ruptura de calquera acordo.
Os populares aseguran que seguirán traballando por garantir a calidade sanitaria de Cervo con independencia de que non podan facelo da man duns partidos, os da oposición, que están tirados ao monte.
RESPECTO ÁS ASOCIACIÓNS
Desde o PP cualifican de impresentable escoitar a un concelleiro local (Estua) desprezando e faltando ao respecto ás asociacións do concello e sinalando bos e malos en función de que compartan ou non a estratexia de marcada por socialistas e nacionalistas.
Os populares amosan o total respecto ás decisións que poidan adoptar as distintas asociacións, en uso da súa liberdade, tanto se deciden formar parte como se non do colectivo sanitario, e lamentan que algunhas destas asociacións sexan obxecto das críticas airadas do BNG que non respecta nin a independencia nin a neutralidade dos veciños.
REBENTADORES PROFESIONAIS
Por outra banda o PP acusa a este concelleiro de ser o responsable de traer de fóra do concello rebentadores profesionais que tiñan por obxecto xerar polémica tanto no último pleno municipal como nas concentracións e din que moitos veciños están escandalizados polas actitudes e propostas violentas que estas persoas realizan.
Desde o PP dirixen finalmente unha reflexión ao conxunto da militancia nacionalista en Cervo, xa que logo como calquera pode comprobar a estratexia seguida polo seu único concelleiro e portavoz lévalle ao BNG á desaparición. De feito Estua ten no seu haber perder un importante número de votos e pasar de dous representantes a só un concelleiro nacionalista. Prognostica que de seguir a estratexia de Estua o BNG desaparecerá da Corporación Municipal porque non obterá representación.