Burela, 4 de xullo de 2013. O ente autonómico Portos de Galicia elaborará unha nova alternativa para mellorar a seguridade no peirao. Desta maneira atenderá a petición que fixeron os representantes do sector nunha xuntanza celebrada hoxe. Así o explicou o alcalde de Burela, José Mª González Barcia, que asegurou que o Concello está sempre disposto a botarlle unha man ao sector pesqueiro da localidade.
O rexedor explicou que “na reunión o que se fixo foi expoñer por parte de Portos de Galicia as alternativas que eles entenden que poden ser aplicables no porto de Burela para incrementar a seguridade dentro da dársena. Hai un martelo que separa a parte comercial da pesqueira, o que mellorou a seguridade da dársena interior, pero aínda así o sector entende que aínda se pode mellorar máis. Polo tanto a petición do propio sector Portos fixo un estudo sobre posibles alternativas para mellorar a seguridade no porto de Burela. Basicamente trátase de evitar a acción do mar de fondo e tamén do mar de vento do nordés no porto de Burela”.
González Barcia relatou que “hai 5 alternativas e viuse que con cada unha delas se dan situacións distintas. Hai algunha alternativa que mellora a seguridade en certos ámbitos do porto de Burela, pero en cambio noutros non tanto”.
O alcalde de Burela sinalou que “a petición do sector vaise ver a posibilidade dunha nova alternativa que eles propuxeron e que consistiría na prolongación do martelo que separa a parte comercial da pesqueira e facer un pequeno martelo desde a zona onde está ABSA. Ao mesmo tempo pediuse que se faga un estudo sobre a incidencia ao longo do ano das distintas situacións que xeran dúas ou tres alternativas, porque algunhas xa se descartaron a raíz do propio estudo”. E engadiu que “das cinco que hai basicamente enténdese que hai dúas que si poden funcionar e deses dúas o que se quere saber é as distintas medicións que se dan nos estudos que se fixeron, ver a incidencia das máis negativas ao longo do ano. Se vemos que unha incidencia negativa se da soamente durante unha semana ao longo do ano ou o tempo equivalente a unha semana ao mellor non é suficientemente representativa como para tela en conta”.
Para José Mª Gonzñalez Barcia “Portos de Galicia cumpre o que no seu día prometeu; é dicir, facer estudos para mellorar a seguridade no porto. Evidentemente eu, como alcalde, coincido co presidente de Portos en que é moi difícil fixar prazos a partir de agora. En todo caso Portos o que vai facer é cumprir a petición que fixo o sector: presentar esa nova alternativa e ese novo estudo sobre a incidencia ao longo do ano de determinadas situacións e logo será o sector, xunto con Portos, quen elixa a alternativa que ofreza maior seguridade. A partir de aí habería que facer un proxecto construtivo. Pero en principio o que se está facendo é dar pasos. Sen isto non se podería facer nin proxecto construtivo nin básico”.
González Barcia considera que “o sector viu positiva a reunión e no que se refire ao Concello nós, como sabe o sector, estamos sempre dispostos a botarlles unha man e neste caso apoiamos todas as xestións que eles queiran facer con Portos de Galicia, porque somos conscientes de que o porto é fundamental para a vida económica de Burela”.