Cervo, 18 de xullo de 2013.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou este xoves a “capacidade de inserción laboral” que producen os obradoiros de emprego, que, segundo os datos recollidos nos últimos anos, presentan porcentaxes de empregabilidade para os alumnos a estes programas de formación de preto do 60% no transcurso dos seis primeiros meses despois do remate do propio obradoiro.
A delegada territorial fixo estas declaracións no marco da entrega de diplomas aos alumnos do obradoiro Alcerval, a través do cal recibiron formación en xardinería e atención sociosanitaria 27 persoas desempregados dos concellos de Alfoz, Cervo e O Valadouro. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo de Benestar investiu 238.047 euros neste programa.
Arias, acompañada polos alcaldes de Cervo, Alfonso Villares; de Alfoz, Emilio Lousas, e O Valadouro, Edmundo Maseda, recordou tamén que os alumnos deste taller obtiveron un certificado de profesionalidade con validez estatal e que, segundo explicou, “demostra a preparación e as habilidades adquiridas e van incrementar moi significativamente a empregabilidade” dos participantes.
Nesta sentido, a máxima representante do Executivo galega na provincia alentou tamén aos participantes no taller Alcerval a apostar pola vía do emprendemento, para o que a Xunta ten en marcha importantes medidas de apoio, que “se verán reforzadas coa aprobación a próxima semana da Lei de emprendemento”.
Arias significou que este novo marco normativo ofrecerá para os que aposten por esta opción empresarial “máis beneficios fiscais, máis axilidade na xestión e mellores opcións para o financiamento”.
Impulso á formación
Arias expuxo que nos últimos meses o departamento autonómico impulsou na provincia de Lugo oito obradoiros, a metade dos cales se levaron a cabo nesta comarca da Mariña. En total, 200 persoas desempregadas da provincia recibiron formación, para o que se investiu 1,8 millóns euros de orzamento.
Raquel Arias engadiu que a formación de calidade –tanto a nivel teórico como práctico– non é a única vantaxe que ofrecen os obradoiros, porque están directamente ligados a obras ou servizos de interese para a comunidade. Neste caso implicaron a mellora de diversos espazos públicos dos concellos de Cervo, Alfoz e O Valadouro.
De feito, os obradoiros abren un importante espazo de colaboración cos concellos e, así mesmo, tamén é moi importante que estes sexan quen de cooperar entre si e unirse en proxectos dirixidos a mellorar os recursos ao servizo dos galegos e galegas.
Así mesmo, Arias avanzou que neste ano 2013 estase a renovar e blindar a aposta por estes programas mixtos. Nas últimas semanas publicouse no DOG a Orde de obradoiros para 2013, que volverá contar con máis de 10 millóns de euros de orzamento e 1.300 beneficiarios.