30 de agosto de 2013. Esta mañá representantes dos colectivos asinantes do documento “Por unha Asemblea Galega contra o Lume: 10 medidas de país contra a desfeita”, presentamos no rexistro xeral da Xunta máis de 2.500 sinaturas recollidas en poucos días avalando o texto. Para ADEGA, ascausas estruturais dos incendios forestais están xa suficientemente diagnosticadas dende hai anos, e as medidas precisas para reducir a súa incidencia son tamén coñecidas. A pregunta é como unha administración que ten a capacidade técnica e xurídica para poñelas en marcha, alén de non o facer, mesmo lexisla en sentido contrario para seguir permitindo o deterioro do mundo rural abocado ao abandono, o lume e os eucaliptos. Nula prevención, recurtes, máis superficie de pirófitas, menos franxas de protección, forestación de terras agrarias, cultivos enerxéticos, privatización encoberta das CCMM, uso do lume como ferramenta… Moitos dos lumes que arrasan arestora o país tamén prendéronse nos despachos.
Por unha Asemblea Galega contra o Lume. 10 medidas “de país” contra a desfeita
As organizacións e persoas asinantes do presente documento entendemos que os recentes lumes non foron máis que o inicio da campaña de incendios que ano tras ano esnaquizan Galiza enteira. As accións de prevención e extinción que tras máis de 25 anos se veñen tomando polos distintos gobernos, case que sempre do Partido Popular, demostráronse e demóstranse insuficientes e sobre todo erradas. Proba disto é que non hai ano no que as lapas non sexan portada dos medios de comunicación, arrasen grandes extensións de monte baixo e arborado, acaben co mellores entornos ecolóxicos do noso pais como sucedeu estes días pasados en Chandrexa de Queixa espazo da Rede Natura e non poñan en perigo ou acaben coa vida de veciños e veciñas de Galiza.
Dende 1988 até hoxe en Galiza, e segundo datos oficiais, téñense producido máis de 100.000 incendios forestais que queimaron máis de 500.000 has. de monte, das que preto de 200.000 has. eran arboradas. Desde 1995, hai uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 Km2 de superficie forestal –a media estatal é dun incendio por cada 25 Km2. En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal española, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada.
O monte é un sector estratéxico para a sustentabilidade ecolóxica e social do país noso. Os incendios causan graves prexuízos ambientais, sociais e económicos. Seguen a ser un dos principais problemas da nosa terra. Non é posíbel avanzarmos na solución deste problema que nos atinxe a todos e todas sen información, educación ambiental e participación social.
As persoas e organizacións abaixo asinantes emprazamos ao goberno da Xunta a tomar en consideracións as medidas que abaixo se enumeran. Alertamos a todos os galegos e galegas de ben para que o pobo na súa totalidade funcione como o servizo de alerta, posta en coñecemento e denuncia diante das autoridades competentes de todos os datos e informacións relativas a existencia de lumes, ás causas do inicio dos mesmos e ás posíbeis faltas de operatividade na súa prevención e extinción.
Do mesmo xeito, quedamos emprazados e emprazadas, como Asemblea Galega Contra o Lume, para esixir das distintas administracións con competencia as medidas correctoras necesarias nas políticas de prevención e extinción que se están a aplicar, para rematar dunha vez por todas coa lacra dos incendios que ano tras ano producen o dano ecolóxico máis importante ao territorio galego, e empregando se fose preciso a mobilización dos galegos e das galegas para a consecución deste fin.
DEZ MEDIDAS PARA LOITAR EFICAZMENTE CONTRA OS LUMES
1. Un ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa. Evitar o despoboamento, o abandono dos usos tradicionais e a forestación de terras agrarias ao tempo que se fomentan alternativas produtivas sustentábeis para o medio rural.
2. Unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas (regulación do ciclo hídrico, sumidoiro de carbono, reserva de biodiversidade) e sociais.
3. Un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata para triturar ou queimar, que limite a expansión das especies pirófitas e alóctonas e que promova unha silvicultura preventiva e sustentábel.
4. Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Os labores de prevención, vixilancia, loita contra o lume e rexeneración deben desenvolverse durante todo o ano.
5. Planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos.
6. Labores de rexeneración da vexetación natural nas zonas queimadas.
7. Promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo no monte.
8. Profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios, que deben estar baixo un mando único dependente da Xunta de Galicia, evitando privatizar os seus servizos.
9. Rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes, poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas informáticas e de comunicación precisas.
10. Fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio. Formar e informar especialmente ás Comunidades e propietarios de montes, para promover o sentimento de vencello e identidade positiva entre a veciñanza e o monte.
CODA: Os incendios deberían tratarse como un “asunto de país”, fuxindo da utilización partidista, a demagoxia e o curtopracismo. Ningún goberno pode resolver os lumes nunha lexislatura. Cómpre pois un amplo consenso político e social na loita contra os lumes.
Sinaturas:
ADEGA, ALTERMUNDO, AMARANTE, ANAGACI, ASOCIACION PETÓN DO LOBO DE CORCOESTO, COLECTIVO ARTABRA 21, FEDERACION ECOLOXISTA GALEGA, FORO SOCIAL DE CANGAS, FUCO BUXAN, PLATAFORMA FRAGAS DO EUME, PLATAFORMA POLA DEFENSA DE CORCOESTO E BERGANTIÑOS, SLG, VERDEGAIA
A petición en change.org, dirixida ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo (por unha nova política forestal que evite os incendios), conta xa con máis dun milleiro de sinaturas:


















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



