Lugo, 16 de agosto de 2013. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo celebrou, este venres, o Día da Galiza Mártir cun acto diante do Museo Provincial de Lugo que serviu para recordar aos e ás lucenses que caeron vítimas da represión franquista e perderon a vida polos seus ideais.
Durante o acto, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro, deu lectura a un manifesto no que homenaxeou aos preto de 5.000 represaliados e represaliadas da provincia; persoeiros do mundo da cultura, como Ánxel Fole, Don Glice, Álvaro Xil, Ánxel Xoán ou Lourenzo Varela, da educación, da sanidade, obreiros, labregos e xentes do común que defenderon unha sociedade máis xusta e un mundo mellor, así como a figuras do mundo da política como Ben-Cho-Shey, “que son molde se queremos recuperar o valor da mesma como instrumento útil para transformar a sociedade, para facer bo aquilo de que ‘o povo é que mais ordea’”.
Durante a lectura do manifesto Mario Outeiro recordou que “claro que son máis, até preto de 5.000 represaliados e represaliadas en diferente consideración nas terras de Lugo, non elite, non minoría consciente; pobo común, o mellor de Galiza ametrallada nas cunetas que escribira o noso Pimentel”.
“E nós – continuou o delegado- estamos hoxe aquí para lembralos a todos, para homenaxealos a todos, porque todos, un a un, son camiño polo que andar, terra de mortos sobre a que arar como afirmaba Lourenzo Varela e tamén estamos aquí porque temos que rachar co silencio, porque queremos berrar a todo o mundo, si, un a un, os seus nomes para que volvan a ter voz os ideais polos que sufriron, ideais que son os nosos, os da democracia, os da xustiza social, os de Galiza”.
Asemade, Mario Outeiro explicou que “a Deputación, organizadora do acto, en débeda cos represaliados, Deputación cuxa sede en San Marcos foi sala onde se celebraron os procesos sumarios, causas militares, con sentencia ditada previamente, que levaron a moitos destes homes á morte, hoxe pide desculpas e comprométese a manter a súa memoria viva, a lembralos pero, sobre todo, a ser leais coa súa obra”.
A ofrenda completouse coa lectura de poemas de Manuel María, Uxío Novoneyra, Lorenzo Varela e Pimentel e cunha actuación a cargo do grupo de música clásico contemporánea, Os Sonantes.