A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública na Mariña concentrouse este xoves ás portas do Concello de Ribadeo uns minutos antes da celebración da sesión plenaria do Concello onde o equipo de goberno presentaba unha moción para reclamar á Xunta a cobertura da praza médica perdida no centro ribadense.
Este foi o manifesto lido durante o acto:
Hoxe, dentro de un anaco, hai sesión plenaria do Concello de Ribadeo onde se reclamará a Xunta de Galiza, agardamos que co apoio de tódolos grupos políticos, a cobertura de una praza médica perdida, ou máis ben roubada ó centro de saúde de Ribadeo; neste centro non é o primeiro profesional que se perde. Hai que recordar e reivindicar a necesidade de recuperar tamén as prazas de Técnico/a Auxiliar de Enfermaría e a de auxiliar Administrativo/a.
O motivo da concentración a que vos damos as grazas por acudir, é dicirlle ao SERGAS e a Consellería de Sanidade que non estamos de acordo coas súas políticas de recortes, coa súa política de desmantelamento da sanidade pública que ten como único fin facer una sanidade para ricos e outra ben distinta, de beneficencia como nos anos 60/70 para os máis desfavorecidos.
Empezaron coa construción de centros (H. de Vigo e de Pontevedra) con novas fórmulas de financiamento onde a empresa privada fai os centros, alúgallos ao SERGAS, xestiona os servizos non sanitarios e despois de 30 anos cando xa estean obsoletos volve a transferirllos a quen os pagou con 5 veces máis do seu custo.
O seguinte paso foi o re-pagamento farmacéutico ( nos últimos 6 meses do 2012 esquilmáronlle aos/ás pensionistas galegos 17 millóns de euros coa aportación farmacéutica, sendo as galegas as pensións mais baixas do Estado.
Retiraron da carteira de prescricións máis de 400 marcas comerciais de medicamentos, moitas delas de uso habitual polos/as pacientes, que agora non só hai que pagar integramente senón que as empresas farmacéuticas subíronlle o prezo.
inventáronse a TAXA de Reposición, un mecanismo a modo de dinamita que significa que de cada 100 prazas que queden vacantes por xubilación, norte ou renuncias no cadro de persoal só van cubrir 10. Esto é un ERE encuberto, no SERGAS dende o ano 2010 van perdidos máis de 3000 postos de traballo.
Despois de terse publicado hai uns días unha nova resolución a nivel do Estado que incorpora o re-pagamento en certos medicamentos de uso hospitalario usados en enfermidades graves e crónicas a Sra. Conselleira de Sanidade dí que en Galiza hai que aplicar a norma para non incumprir o ditado de Madrid, unha mostra de cinismo máis xa que ela mesma no Consello Interterritorial de Saúde é unha das instigadoras para que se tomen estas medidas.
Está a saír un Decreto chamado de Garantía das prestacións sanitarias co único fin de derivar pacientes; máis dos que xa se están a derivar, a outros hospitais públicos e sobre todo privados, e o que se negue e pida ser atendido no Hospital da Costa será dado de baixa das listas de espera.
Recortaron nos orzamentos do 2013 máis de 12 millóns de euros na atención primaria da provincia de Lugo, o que representa aproximadamente 2,5 millóns nos 16 centros de saúde da Mariña; de onde os quitan?, da amortización de prazas que se está a producir: San Cibrao, Xove, Viveiro e Ribadeo de momento, así como de non substituír o persoal, reducindo material e de peor calidade nos centros e incrementando listas de espera ( o/a que teña problema que vaia a privada). Mañá en Barreiros é festa local e van obrigar o persoal de Ribadeo a atender as urxencias do tramo de mañá do concello de Barreiros, a custo cero e coa sobrecarga de traballo engadida para as médicas de Ribadeo e o desprazamento dos doentes de Barreiros, non encamados,ata Ribadeo. Non lles importan nin os/as doentes nin os/as traballadores/as.
Todas estas actuacións lévannos de ter unha sanidade pública, da que presumíamos ata fai pouco como unha das mellores do mundo, a ter unha sanidade de terceira división só para satisfacer os intereses económicos de uns poucos.
Agora quérennos calar, primeiro coa multa imposta polo subdelegado do goberno pola cacerolada de Burela e agora con falsas promesas de mellora sanitaria na área da Mariña( área que seguimos a reivindicar como área de xestión integrada, sen dependencias de Lugo). Dicía que nos queren calar co asunto da Quimioterapia no hospital da costa: o servizo tal como propoñen vai nacer en precario, non vai impedir traslados a outros centros públicos e privados, será un servizo sen dotacións, sen espazo suficiente e sen un oncólogo fixo( prestaralle un oncólogo o HULA un día a semana).
Temos que enfrontarnos permanentemente a este estado de sitio, a esta demolición do sistema público de saúde. Temos que defender o que tanto tempo e esforzos nos custou acadar, e non deixarnos levar polo falso sentimento de … é a crise…. Hai que arrimar o ombreiro….malgastase moito…
Son estratexias políticas deseñadas polo mercado económico que non teñen en conta nin sentimentos nin necesidades.