O Congreso reuniu máis de 150 delegados e unha ampla representación social, institucional e política, renovando a executiva con equipos plurais de toda a provincia e reforzando o proxecto socialista de cara aos retos futuros
Lugo, 10 de Maio de 2025. José Tomé Roca foi proclamado este sábado Secretario Xeral do PSdeG-PSOE da provincia de Lugo, no marco do 5º Congreso Provincial celebrado no Hotel Torre de Núñez, baixo o lema “Lugo: construíndo futuro”. Máis de 150 delegados e delegadas procedentes das distintas comarcas da provincia participaron activamente neste encontro orgánico, no que se renovaron os órganos de dirección e se definiu a liña estratéxica do partido para os próximos anos.
Durante a súa intervención de clausura, Tomé Roca agradeceu “de corazón” a confianza renovada pola militancia e sinalou que asume esta responsabilidade “cun compromiso absoluto coa provincia de Lugo e coas persoas que viven”. Subliñou que o congreso foi un exemplo de vitalidade democrática: “un exercicio de participación interna que nos fortalece como organización política e nos reafirma como un partido vivo, plural e comprometido”.
Un equipo plural e con visión de futuro
Tomé Roca destacou que a nova Comisión Executiva Provincial é “máis reducida, que pasa de 51 a 35 persoas, máis áxil e mellor coordinada”, integrada por 17 mulleres e 18 homes procedentes de todas as comarcas da provincia: “desde a Chaira ata a Mariña, a Montaña ou a Ribeira Sacra”, que saíu adiante co 83% dos votos. Reivindicou unha renovación que vai máis alá dos nomes, entrando 22 persoa novas: “A verdadeira renovación é aquela que transmite á sociedade unha mensaxe clara: o PSdeG é un partido útil, con propostas realistas e comprometido co benestar da cidadanía”.
Ademais, neste Congreso tamén se elixiu o novo Comité Provincial e o novo Comité de Ética.
Un partido ao carón das agrupacións locais
José Tomé subliñou a importancia das agrupacións locais, especialmente aquelas que traballan dende a oposición: “A Secretaría Provincial estará ao voso carón, acompañando, escoitando e apoiando. O traballo territorial é clave para consolidar e ampliar os espazos de goberno”.
Avanzou que o primeiro gran reto será nas eleccións municipais do 23 de maio de 2027, nas que o partido aspira a revalidar alcaldías, conquistar novos concellos e ampliar a presenza institucional: “Queremos contribuír decididamente a construír un proxecto de futuro para Galicia, e facelo da man dun presidente como José Ramón Gómez Besteiro”.
Alternativa sólida fronte ao modelo do PP
O Secretario Xeral identificou con claridade ao Partido Popular como o principal adversario político: “O PP representa un modelo esgotado, ancorado no pasado, baseado no bloqueo institucional, na conservación do poder a calquera prezo e na utilización partidista dos recursos públicos”.
Fronte a iso, José Tomé Roca defendeu un modelo socialista que pon no centro as persoas: “Protexer os servizos públicos, garantir a igualdade, impulsar o desenvolvemento sostible e construír unha sociedade xusta son os piares da nosa proposta”.
Denunciou con firmeza a deterioración da sanidade no rural, os recortes educativos e a desatención aos servizos sociais por parte da Xunta de Galicia: “Cada vez que o PP goberna sen modelo, sen proxecto e sen vontade de servizo público, o que está en perigo son os dereitos da cidadanía”.
Un proxecto económico sostible
Tomé Roca defendeu a necesidade dun modelo produtivo forte e sostible para a provincia de Lugo. Reivindicou o papel do PSdeG na defensa da industria: “Estivemos ao carón dos traballadores de Alcoa desde o primeiro momento, cando outros calaban ou dubidaban”. Reclamou para A Mariña un plan industrial serio, realista e con respaldo institucional, que sirva como motor de reactivación económica.
Tamén salientou a necesidade de poñer en valor os recursos propios da provincia: “As rutas do Camiño, o noso patrimonio natural e cultural, o sector agrario e o potencial turístico deben ser fonte de riqueza e desenvolvemento local, sempre dende o respecto ao medio ambiente e a identidade territorial”.
Unha provincia con futuro
Na súa intervención, o Secretario Xeral comprometeuse a facer do PSdeG un partido accesible á mocidade: “Debemos comprender e incorporar a súa maneira de comunicarse e participar, abríndolles as portas para que sexan protagonistas activos do noso proxecto”. Así mesmo, apelou a unha nova política para atender ás persoas maiores: “Representan unha parte esencial da nosa sociedade e teñen un perfil cada vez máis activo, máis formado e máis esixente. Temos que responder con dignidade, intelixencia e visión de futuro”.
Reivindicou tamén o compromiso do partido coa integración das persoas migrantes: “Lugo ten que seguir sendo unha terra de acollida. O PSdeG foi sempre pioneiro na defensa da igualdade e dos dereitos humanos. Temos que seguir á cabeza desa tarefa”.
Un Congreso con ampla representación social e política
A xornada congregou unha destacada representación política e institucional. Participaron Secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; o xerente do PSdeG, Luis Ángel Lago; o senador e membro da Executiva Federal, César Mogo; o secretarios provincial da Coruña, Bernardo Fernández; así como representantes do Goberno de España, como o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ou a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.
Ademais, o Congreso contou coa presenza activa de entidades do ámbito social e asociativo (AMEIS, FADEMUR, Cruz Vermella, FUDACE, ASORLU, COGAMI, Federación de Asociacións Veciñais), do ámbito educativo como a USC e a UNED, do sector sindical (UGT), do sector agrario (Unións Agrarias) e da representación empresarial (CEL, APEHL, Federación de Comercio).





















Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



