A Mariña, 27 de setembro de 2013. A dirección do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na comarca da Mariña, xunto con alcaldes e portavoces municipais da formación, ofreceron esta tarde unha rolda de prensa para anunciar a presentación en todos os concellos dunha moción na que se esixe á Xunta de Galiza a inclusión dunha partida económica nos orzamentos xerais para 2014 destinada a garantir o Servizo de Axuda no Fogar básico en todos os municipios de menos de 20.000 habitantes.
“O Partido Popular esta invalidado a falar de políticas sociais” afirmou Ana Ermida, quen explicou como “esta forza política desde o Goberno da Xunta e do Estado limitouse a pasar a rebarbadora a servizos sociais básicos e de xeito moi particular a aqueles que benefician a quen menos teñen. No caso do Servizo de Axuda no Fogar Básico deixaron sen achegas da Xunta aos veciños dos concellos de menos de 20.000 habitantes en contraste coas políticas do BNG na Deputación que aumentou a súa aportación de xeito progresivo desde 2010. Gobernar significa dar trigo e non predicar e nesta materia os populares non fan máis que darlle ao veo porque retiraron as axudas ao conxunto dos Concellos da Mariña. Pero hai máis, posto que os fondos que aportan en dependencia non se corresponden con achegas da Xunta senón de Ministerio, por cero uns fondos que no período se reduciron en 8 millóns de euros, isto é de 17 millóns de euros a 9 millóns de euros para o conxunto de Galiza. Todo isto o que está a provocar é que un servizo básico como o SAF ou a Dependencia se teñan convertido nun artigo de luxo ao que se poden acceder aqueles maiores cun determinado poder adquisitivo”.
A situación de crise que se está a vivir en todo o país provocou un incremento importante de persoas que necesitan deste tipo de servizos sociais públicos para atender as súas necesidades básicas. Mais, segundo explicou a portavoz do BNG da Mariña, Ana Ermida, “mentres a demanda destes servizos vai en aumento, os gobernos do Partido Popular, tanto na Xunta de Galiza como no Estado, tomando como pretexto a crise económica e a necesidade de facer recortes, vai pouco a pouco liquidando de facto leis como a da Dependencia ou a súa colaboración económica con servizos como a Axuda no Fogar básica, os centros de día e as escolas infantís, entre outros, algo impropio dun Goberno comprometido cos problemas do pobo.”
“O exemplo máis claro da política antisocial dos populares é excluír de axudas públicas para o Servizo de Axuda no Fogar básico aos concellos con menos de 20.000 habitantes, o que na provincia de Lugo supón deixar sen servizo de Axuda no Fogar a todos os concellos agás a capital e abandonando á súa sorte máis de 800 mariñáns” – sentenciou Ermida que reiterou que “o PP discrimina e quita dereitos á cidadanía en función do número de habitantes do Concello onde residen até o punto de converter en cidadáns de segunda aos habitantes de todos os concellos de Lugo agás aos da capital . Non estamos diante dunha decisión neutral senón que responde a orientación ideolóxica do PP de volver a concentrar os servizos nas capitais de provincia o que significaría trasladar á Mariña 40 anos atrás”.
Desde o Bloque Nacionalista Galego “a prestación de servizos sociais no rural faise aínda máis necesaria e grazas ao esforzo dos concellos, dos usuarios e usuarias e da área de Benestar da Deputación Provincial estase a mitigar o problema do que a Xunta se desentendeu. Porén, a pesar dese esforzo e do compromiso por garantir o Servizo de Axuda no Fogar en todos os concellos non é suficiente para cubrir as necesidades e demandas que existen e que van en aumento a consecuencia doutras políticas de recorte e da falsa austeridade que aplican os executivos do PP”.
Por estes motivos, Ana Ermida explicou que “o BNG presentará nos concellos da Mariña unha moción para urxir á Xunta a que non continúe eludindo ás súas responsabilidades e moito menos descargándoas noutras institucións sen dotalas de recursos económicos para facelas efectivas. O Goberno galego ten diante súa unha nova oportunidade para demostrar se esta do lado da xente ou do lado da falsa austeridade. Se está do lado do pobo debe incluír nos orzamentos de 2014 unha partida dedicada ao SAF básico cunha contía similar a que dedicou en 2010 que ascende a 1.203.394,77 euros”.