O alcalde de Burela amosouse sorprendido pola postura mantida polo PSOE durante o Pleno celebrado este luns onde se aprobou de xeito provisional o PXOM de Burela cos votos a favor dos populares e a abstención dos edís socialistas: “foi unha sorpresa relativa a súa abstención e de semellar preocuparse de repente polo PXOM cando levan ano e medio completamente despreocupados do asunto. Un portavoz, o do PSOE, que descoñece o documento e a realidade deste concello e que nos fixo un discurso marcadamente ideolóxico que nada ten que ver coas necesidades que ten Burela, pero eles tiveron a oportunidade de facer unha oposición elegante a este plano xeral, tiveron tempo de sobra para facer aportacións e non o fixeron e cada quen ten a súa responsabilidade. Nós, como equipo de goberno, temos a responsabilidade de abordar os problemas de fronte e con carácter inmediato e temos a responsabilidade de responder ás demandas que ten o concello tamén con carácter inmediata, sen presa, pero sen pausa con seriedade e con rigor. Si lle fixésemos caso ao portavoz do PSOE estariamos sempre redimensionando, unha palabra que el emprega a cotío, as cousas e nunca acabaríamos porque nunca seríamos capaces de saír do Concello para falar coas administracións, para chegar a acordos con elas para sacar adiante un documento que é de vital importancia para Burela”.
Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Manuel Fernández Valle, manifestou que “o traballo do alcalde, do equipo de goberno e do equipo redactor nestes últimos dezaoito meses ten sido inxente, con múltiples reunións con diversos departamentos da Xunta, con Carreteras do Estado e mesmo no propio Ministerio de Fomento en catro ocasións. Sabemos que todo é mellorable, pero, dentro do marco legal existente, este PXOM naceu con ambición e chega a este momento sen perder nin un ápice desa ambición; é máis, chega á aprobación provisional reforzado e esperando a aprobación definitiva para comezar os trámites para a súa aplicación”.
Fernández Valle foi moi crítico co PSOE: “non tiveron a dignidade de vir polo Concello preguntar polo PXOM desde que se aprobou inicialmente, e diso hai dezaoito meses e oito días. Votaron en contra na aprobación inicial e agora tampouco apoian a aprobación provisional. E por non ter, non tiveron argumentos para facer unha sola crítica pública. Que lles van dicir ós veciños que fixeron vostedes polo plan? Porque a súa aportación desde o un de marzo de 2012 é igual a cero”.
Finalmente, o concelleiro de Urbanismo e portavoz do Grupo Municipal Popular pediulle o alcalde que “non se demore, aínda que xa sabemos que non o vai facer. Entregue canto antes o PXOM en Santiago porque Burela non pode esperar moito tempo máis a ter este documento aprobado definitivamente”.
A partires de agora a tramitación pasa a mans da Xunta de Galicia, que é quen a través da Secretaría Xeral de Urbanismo ten as competencias para a súa aprobación definitiva. O alcalde agarda e confía en que “os problemas que se poidan presentar durante esta tramitación sexan os menos posibles, pero a Xunta sabe que desde o Concello se porá toda a carne no asador para que ditos problemas se solventen o antes posible e así entre Concello e Xunta facer que Burela conte canto antes cun documento aprobado definitivamente e a partires de aí mirar ao futuro con optimismo”.