Mondoñedo, 27 de setembro de 2013- O Partido Popular de Mondoñedo iniciará unha campaña informativa sobre a situación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Os populares iniciarán o próximo día tres de outubro unha rolda de visitas polas parroquias tras que no pleno celebrado onte se acordara dar continuidade á tramitación do PXOM, logo das reivindicacións trasladadas polos populares dada a inexplicable paralización na que se atopaba.
O Partido Popular de Mondoñedo tamén abrirá a sede local, os sábados de 10:00 a 13:00 horas, e nas que poñerá a disposición dos mindonienses a documentación que obra no seu poder. Neste senso, os populares matizan que se abrirá un período de información pública durante dous meses, previa á formulación do documento preciso para a aprobación provisional do Plan Xeral.
Desta maneira, o PP local proponse un traballo co equipo de goberno do Concello de Mondoñedo, para adiantar neste instrumento necesario. Os populares intentarán este consenso, pese a que, segundo matizan, é certo que Orlando González en seis anos só mantivo unha reunión de escasos vinte minutos co PP local, para “informalos de cousas que logo non se cumpriron”.
Os populares explican que en maio de 2011, o alcalde os convocou informando da próxima aprobación provisional do PXOM en decembro dese mesmo ano; porén pasaron dous anos ata que se levase a pleno dar continuidade á tramitación do Plan.
“O PXOM é un instrumento necesario e neste momento debemos colaborar todos”, porén lamentan a paralización na que se atopaba logo da cantidade de diñeiro público invertido, e máis tendo en conta que o PP local ten información de que o documento estaba listo para aprobarse dende finais de 2010, pero “naquel momento, próximo aos comicios locais non interesou sacar este trámite adiante”, lamentan dende o PP.
Orlando González encarece impostos e suprime servizos
Na sesión plenaria celebrada onte, o PP local votou en contra dun incremento do custo dos nichos, e censura que dende que goberna Orlando González “é indiscutible que vivir en Mondoñedo é máis caro”.
Os populares explican que as políticas sociais que reclaman dende o PSOE e o BNG onde non gobernan, “son incapaces de poñelas en práctica cando teñen a posibilidade de facelo”. Dende o PP local lamentan o voto en contra do equipo de goberno á hora de solicitar que a Deputación cumpra en materia de servizos sociais e colabore cos municipios tal e como recolle a lei.
Dende o PP matizan que a forma de gobernar de Orlando González é o exemplo máis claro de que as forzas de esquerdas cando gobernan encarecen os impostos e suprimen servizos. O interese do que alardean reclamando servizos a través de pancartas, méteno en caixas cando teñen a posibilidade de aplicalas, matizan dende o PP en referencia ao PSOE e ao BNG.