Dende o PP de Viveiro queremos manifestar unha vez máis (xa o fixemos varias veces ó longo do 2012 e en recentes notas de prensa do 1 e 5 de agosto e o 4 de setembro) a nosa gran preocupación por un tema tan sensible e delicado como é o feito de que a gardería municipal non este funcionando a día de hoxe, causando un grave prexuízo e un fondo malestar – tal e como nolo teñen manifestado – a moitos país e nais que non poden levar os seus fillos e fillas á mencionada gardería, provocando na maioría dos casos unha problemática que ben podería terse evitado, si o goberno municipal socialista tivese cumprido coas súas obrigacións en tempo e forma, xa que tempo tiveron máis que de sobra (lembrar que dende febreiro de 2013 estaba todo firmado polo Sr. Alcalde); pero unha vez máis a falta de previsión, a desidia, o descoñecemento da lexislación ou mesmo intereses ocultos, provocan que os veciños e veciñas de Viveiro se vexan privados momentaneamente (agardemos que non ocorra o mesmo que co matadoiro municipal) dun servizo básico e vital para a conciliación laboral e familiar.
Dende o PP de Viveiro consideramos unha falta de respecto e unha tomadura de pelo o que o goberno municipal socialista ten feito co tema da gardería, xa que:
• Non cumpriron cos veciños e veciñas, ó non poder utilizar estes a gardería nas datas sinaladas para o inicio da actividade da mesma, cos correspondentes problemas que isto orixina nas familias.
• Enganaron e marearon ó resto de grupos da Corporación, que en varias ocasións nos tiñamos interesado polo tema, dándosenos largas e xustificacións difíciles de entender, para rematar co paripé do 12 de xuño, onde na Comisión de benestar e xa cos pliegos sobre a mesa, o Alcalde decidiu non levalos ó Pleno baseándose en que os custes eran inasumibles e solicitando un novo estudio sobre os mesmos ( en febreiro xa os coñecía, polo que cabería preguntarse si dende esa data non tivo tempo ou interese en revisalos?); en realidade era un paso máis para acadar o autentico obxectivo que non era outro que deixar correr o tempo para adxudicar “a dedo” este servizo.
• Tentouse enganar a todas aquelas empresas e persoas interesadas en participar en dito concurso, e que levaban tempo e diñeiro gastado na preparación dos seus proxectos ó obxecto de poder concursar neste proceso de adxudicación.
• Faltouselles ó respeto a todos os funcionarios municipais, que co seu traballo e dedicación elaboraron en tempo e forma os pliegos de condicións.
Dende o PP botamos de menos que ante a gravidade da situación, non se nos teña convocado a todos os grupos a unha reunión para abordar o asunto. porque aínda que ó mellor a descoñecen, hai algunha solución provisional que nos serviría para saír do paso e logo adxudicar a gardería mediante o concurso correspondente. Hai que lembrar que o goberno municipal socialista ten convocado plenos extraordinarios por motivos menos trascendentais e ante unha situación tan grave coma esta non moven un dedo, o que revela a súa deixadez e a súa incompetencia e pon de manifesto cales son as prioridades deste goberno municipal, que privan dun servizo básico e esencial a un bo números de veciños e veciñas de Viveiro, á postre os grandes prexudicados.
O grupo do PP de Viveiro esíxelle ó equipo de goberno socialista que lle dea (dentro da legalidade) unha pronta solución a esta situación anómala xerada pola súa escasa capacidade de xestión; “que saque a concurso os pliegos e aplique a normativa vixente – que impide a contratación de persoal e o incumprimento do plan de axuste – que parece que era en definitiva o que se tentaba facer, incumprir estas dúas premisas para aumentar pola porta de atrás os empregados municipais, para satisfacer deste xeito outro tipo de intereses particulares que nada teñen que ver co interese público, senón que obedecen a un tipo de política clientelista tan do gusto do equipo de goberno socialista e de quen os sustenta”, conclúe o voceiro do PP de Viveiro, Bouza Rodil.
Abandono de pistas
“O PP de Viveiro quere denunciar, unha vez máis, a desidia e o abandono do goberno local socialista como consecuencia do calamitoso estado de conservación e mantemiento dalgunhas pistas de acceso ás vivendas, non só polos baches existentes, senón tamén pola abundante maleza, o que provoca ademáis da incomodidade para o acceso, un aspecto de abandono lamentable que os nosos veciños non se merecen”, segundo o concelleiro popular Celestino García.
O PP de Viveiro, ante as queixs de numerosos veciños, comprobaron personalmente a situación de varias destas pistas, podendo certificar que a deixadez por parte do responsable da delegación de medio ambiente é máis que evidente, podéndose comprobar fácilmente por parte de calquera que se achegue polas pistas dos barrios de Alvarelle, Pedregal, acceso antiguo grupo Escolar, Nogarido, Pena Puxigueira e Cemiterio na parroquia de Covas ; Nogarido, Coto e Chaos en Chavín; Lavandeira , o Rio e o Areal en Vieiro; Outeiro, a Lagoa e Xabariz en Galdo ; Portociño de Abaixo e Coto en Landrove; Muíños en San Pedro e tamén en Celeiro e Escourido.
O PP de Viveiro quere recordar ao Goberno local que a súa obriga é o mantemento das pistas de acceso ás vivendas, principalmente nas nosas parroquias. A realidade, en cambio, é moi distinta, máis impostos e peores servizos, tal e como o demostra o lamentable estado en que se atopan estas pistas de acceso a vivendas que como sinalamos presentan baches e abundante maleza.
O Partido Popular de Viveiro lamenta a falta de organización e previsión das actuacións necesarias do goberno local socialista para que os nosos veciños teñan os seus accesos en condicións de limpeza e non con abundante maleza, o que non só dificulta o acceso e dana a imaxe do noso municipio, senón que nada contribúe a mellorar o medio ambiente.
Campaña de recollida de material escolar
O vindeiro mércores comeza o curso escolar e dende o PP de Viveiro somos conscientes de que a volta ao “cole” supón un importante desembolso para calquera familia, e moi especialmente para aquelas que sofren máis directamente as consecuencias desta crise económica.
Por iso, dende o PP de Viveiro queremos aportar o noso gran de area e colaborar con aqueles que peor o están pasando poñendo en marcha unha campaña de recollida de material escolar entre afiliados e simpatizantes e que loxicamente está aberta a calquera persoa que queira realizar unha aportación.
O material escolar que consideramos máis necesario son: lapis, bolígrafos, libretas, plastilina, regras, ceras de cores, gomas, afialapis…… Así mesmo, libros de texto usados que se atopan en bo estado e poidan ser aproveitados por outros escolares.
O material escolar recollido será entregado a Cáritas Viveiro para que sexa esta ONG a que se encargue de repartila entre aqueles que o soliciten.
O material poderá ser entregado na sede do PP de Viveiro, en Rego das Flores num. 9 entlo. en horario de 10:00 a 13:00 horas de luns a sábado.
“Calquera aportación será ben recibida e, de antemán, agradecemos a todos aqueles veciños que decidan colaborar”, conclúe Jaime de Olano, viceportavoz do grupo municipal popular.