O PSdeG da Mariña reiterou este venres que a Xunta “debe reactivar xa os investimentos” nas praias da comarca para frear “o deterioro da súa calidade”. Despois de coñecer que a Adeac, a entidade que concede as bandeiras azuis, retirou o distintivo a catro areais de xeito definitivo e por “incumprimentos graves” -unha en Barreiros (Arealonga) e tres en Foz (Arealonga, As Polas e Os Xuncos)- o coordinador comarcal do partido, José Ramón Val, lembrou que os socialistas “advertimos hai ben pouco do grave dano que os constantes recortes de Feijóo están a provocar no prestixio e calidade dun dos principais activos turísticos da provincia, mermando as condicións de seguridade e os servizos públicos básicos das nosas praias”. “Hoxe temos unha mostra máis de que as nosas advertencias non son un invento, senón que son reais e moi preocupantes. A pesar das nosas excelentes praias, que seguen atraendo cada verán a miles de persoas, os efectos dos recortes son cada vez máis evidentes”, lamentou o socialista.
O tamén deputado autonómico indicou neste senso que, dende que goberna a dereita de Feijóo, “o número de socorristas caeu un 20%, de maneira que os concellos contan hoxe con entre 2 e 8 efectivos menos que no 2009. Como exemplos puxo a Burela, que pasou de 10 a 8; Foz, de 20 a 16; Barreiros de 30 a 22, ou Viveiro que ten 6, cando chegou a ter 8.
Val subliñou que a insuficiencia dos recursos provoca de feito que “algúns areais queden durante toda a tempada estival sen protección, como é dende hai dous anos o caso do barreirense Punta Anguieira, moi concorrido por nenos e persoas maiores, o que sen dúbida aumenta o risco para os bañistas. Tamén se recortou en 15 días o período de prestación do servizo de socorrismo, polo que este ano na metade dos municipios costeiros –Foz, Barreiros, O Vicedo e Cervo- deixou de haber persoal en setembro, “a pesar de que segue habendo unha cantidade moi considerable de visitantes”, indicou o parlamentario socialista.
Chamamento á responsabilidade do PP
O deputado fixo unha nova chamada á “responsabilidade” dos alcaldes e os representantes do PP na comarca, como José Manuel Balseiro, para que “poñan os intereses da Mariña por riba dos seus particulares, e reclamen con firmeza á Xunta, a administración con competencias claras na materia, un compromiso real para que poña fin o próximo verán a esta escalada de recortes e a este deterioro constante dun dos principais activos turísticos da provincia”. “Por moitos esforzos que o Goberno galego diga facer para promocionar e desestacionalizar o turismo na comarca, todo será inútil se non garante recursos suficientes para manter a calidade das praias e, en xeral, de toda a costa”, afirmou.