Santiago, 6 de setembro de 2013.- O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, dixo que a día de hoxe –segundo a información que lle trasladan as confrarías e as súas federacións- non consta que a Xunta teña ningún tipo de atraso coa tramitación e pago dos convenios de vixilancia e asistencias técnicas que a administración autonómica asina cos pósitos galegos.
O deputado popular explicou que a Consellería do Medio Rural e do Mar está tramitando e pagando ás confrarías todo aquilo que están xustificando, tanto os gastos da pasada anualidade, como respecto de 2013. “Cando son debidamente fiscalizadas e xustificadas, xa son abonadas”-conclúe Balseiro.
SOCIALISTAS DESMEMORIADOS
Con estes argumentos, o PP rexeitou unha iniciativa do PSOE debatida hoxe na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia que pedía axilizar estes pagos. O deputado popular insistiu en que os socialistas deberan falar e informarse coas confrarías e as súas federacións antes de presentar iniciativas “que non teñen sentido algún e que non responden á realidade”, aínda que salientou que “probablemente no PSOE non poderán facelo porque sempre desprezaron ao sector, e nunca quixeron escoitar ás confrarías galegas, ás que lles negan o seu papel de interlocutores”.
Balseiro salientou que o esforzo do actual equipo directivo da Consellería contrasta coa situación acontecida durante o goberno bipartito cando acumulaban ata 10 meses de atraso no aboamento destes convenios.
“Parece mentira que o PSOE perda tan pronto a súa memoria e esqueza o moito mal que eles o facían cando se trataba de pagar os convenios coas confrarías galegas, tan só hai que repasar a hemeroteca daqueles anos para atopar multitude de noticias ao respecto de atrasos no abono destas axudas”, dixo Balseiro.
O portavoz popular do Mar asegura que desde que Rosa Quintana xestiona o departamento autonómico con competencias no ámbito do Mar “deu unha instrución clara: priorizar os gastos en apopio do sector pesqueiro e ser os primeiros aliados das confrarías galegas, nunha liña de permanente colaboración que queda demostrada cando se comproba que a media de pagos ao sector é hoxe –con todas as dificultades do contexto xeral de crise- moito maior que na anterior lexislatura”.
CONVENIOS ANUAIS
A Consellería do Medio Rural e do Mar asina anualmente convenios cos positos galegos para cofinanciar os esforzos que as confrarías realizan no ámbito da vixilancia das súas concesións, achegar recursos para asistencias técnicas para, por exemplo, a contratación de biólogos e distintos apoios á xestión.