Santiago de Compostela, 06 de setembro de 13. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, amosou hoxe a súa sorpresa polo voto en contra do PP a unha iniciativa socialista para que a Xunta pague ás confrarías as axudas que adebeda en concepto de asistencias técnicas e vixilancia, algunha delas pendentes dende os meses de xaneiro e febreiro.
Val presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Pesca celebrada hoxe no Parlamento para que o goberno cumpra cos seus compromisos, e salientou que “curiosamente algunhas destas confrarías da comarca da Mariña recibiron a orde de pago onte mesmo, coincidindo co debate desta iniciativa”.
Advertiu que a realidade é que hai confrarías que “non cobran ao día, pero teñen que escoitar a Feijóo alardeando de que a Xunta paga as facturas nun mes”, co que “a conclusión que cabe é que as confrarías de pescadores son un colectivo ninguneado e maltratado pola administración galega, que é incapaz de cumprir os seus compromisos”.
Dixo que “mentres Feijóo e a conselleira de Pesca falan de compromiso contra o furtivismo, son incapaces de cumprir cos compromisos de pago para que as confrarías se poidan dotar de vixilancia”. Denunciou o “dobre discurso” do goberno, que mentres falade erradicar o problema do furtivismo infrautilizan o servizo de gardacostas e obrigan á xente a ir por libre, sen convenio colectivo, facendo o que pode”.
O parlamentario socialista lamentou que o PP teña rexeitado esta iniciativa que instaba á Xunta a “efectuar o pagamento efectivo das axudas que adebeda ás confrarías galegas polo concepto de asistencias técnicas e vixilancias, para posibilitar a súa viabilidade”.
Comparecencia
O parlamentario socialista tamén acusou hoxe ao secretario xeral do Mar de permanecer “insensible aos problemas reais do sector” e asistir ao Parlamento “unicamente para vanagloriarse cando a realidade da pesca é completamente diferente”. Así o dixo na comparecencia deste alto cargo para dar conta das actuacións da Consellería na planificación da xestión pesqueira, hoxe na Cámara autonómica.