A Mariña, 11 de outubro de 2013. A Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña reuniuse, esta tarde, no Salón de Actos do CENIMA de Foz a fin de informar dos últimos acontecementos que se teñen dado en relación coa súa problemática e demandas así como dos próximos pasos a dar para conseguir os seus obxectivos.
A día de hoxe existen xa catro sentencias de cinco que se teñen ditado por parte do TSXG que dan a razón aos emigrantes e que os liberan de tributar polas rendas do estranxeiro. Se ben non estamos diante dun acto xudicial firme, haberá que agardar ao que determine o Supremo, tratase dun moi boa nova, polo que contaremos na Asemblea cun xurista que explicará o contido da mesma. Desde a asociación “temos claro que non vamos esgotar todas as posibilidades xudiciais xa que se ten fallado ao favor dos afectados noutras ocasións e o dereito está da nosa parte”.
Os convenios internacionais no ámbito dos Estados da OCDE que regulan a dobre imposición das persoas físicas, isto é, que tentan evitar que as rendas dunha mesma persoa tributen ao mesmo tempo en distintos Estados. Para iso, o principio xeral é o de tributación no lugar de residencia, con independencia da orixe das rendas. Dese xeito un residente en Galiza, debe tributar aquí, como principio xeral, pola totalidade dos ingresos que obtén, aínda que unha parte sexan xerados ou teñan orixe noutros territorios. O modelo máis estendido de Convenio Internacional sobre dobre imposición, patrocinado pola OCDE, establece como excepción as pensións ou rendas públicas (“pagadas por ou con cargo a fondos creados por un Estado contratante”), fican exentas de tributar no Estado de residencia da persoa que as percibe. Isto é un acordo convencional entre os Estados que asinaron o Convenio Internacional, e que na súa normativa interna, e na aplicación da mesma, deben respectar como partitura única sen posibilidade de variacións. Neste sentido, non debe de sorprendernos que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa se pronunciou en varias ocasións, dando a razón dun xeito abrumador ás persoas que perciben pensións desde o estranxeiro, considerando que son ingresos públicos exentos de tributación. En concreto, nos repertorios de xurisprudencia hai 5 sentenzas ao seu favor, por 1 en contra, sendo que a máis recente admite a exención.
A Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña saíu da reunión cun plano de traballo tanto a nivel local e comarcal da Mariña, que consistirá, principalmente, na convocatoria de mobilizacións para a paralización das sancións aos emigrantes, así como en acudir a todos aos plenos nos concellos da comarca onde se debata esta moción para defender a súa postura; como dos actos que ten fixados a nivel galego pola Plataforma que remata de constituírse cun número importantes de colectivos e da que nos formamos parte. Neste sentido, a Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña porá a disposición dos afectados da comarca autobuses para asistir á manifestación convocada en Santiago de Compostela para o vindeiro martes día 15.
Neste sentido, dende a asociación insisten en que “debemos reparar no novo escenario que se abre para a loita coas últimas decisión xudiciais, xa que abren unha nova fronte de loita que debe ser reforzado pola mobilización social, a fin de presionar e facer efectiva unha resolución xusta. Son tempos de loita, de seguir sumando apoios e de manternos unidos, xa que este vai ser o camiño para obrigar ao goberno do Estado e de xeito moi particular a Facenda a mudar de posición paralizando as sancións e definindo un mesmo modelo de tributación para os emigrantes con independencia da orixe das rendas das súas pensións. Xa só nos queda solicitarvos que fagades extensíbel esta convocatoria a todos os emigrantes retornados que coñecedes e que os convidedes a esta reunión, reunión que volverá a ser aberta como todas as que mantivemos até hoxe e que parte da consideración de que a grande maioría dos afectados por esta medida descoñecen a súa situación procedimental até o punto de saber das súas obrigas tributarias”.