A Plataforma de Emigrantes Retornados da Mariña remitiu a todos os concellos da comarca unha proposta de moción para ser debatida nos diferentes plenos municpais coa fin de buscar o apoio de todas as forzas políticas para frear a estafa perpetrada desde o Goberno central contra os emigrantes retornados e se sumen á solicitude dos afectados e afectadas para anular todos os expedientes sancionadores instruídos pola Axencia Estatal Tributaria e que se lles notificaron nos últimos meses a persoas beneficiarias galegas de pensións percibidas desde estranxeiro por non tributaren por estas cantidades desde o ano 2008.
Nesta proposta de moción remitida aos concellos, a Plataforma de Emigrantes Retornados solicita, tamén, ao Goberno central que inicie unha campaña de información a todas as persoas obrigadas a tributar no futuro polas pensións cobradas desde o extranxeiro, anulando ao mesmo tempo os requerimentos relativos aos exercizos comprendidos entre 2008 e a actualidade.
Os afectados e afectadas constatan que nunca recibiron ningún tipo de información en relación coa súa obriga de declararen as contías das pensións percibidas desde outros países. Existía un total descoñecemento da obriga de facer esa declaración anual do IRPF, o que confirma a falta de intencionalidade ou de defraudar por parte dos emigrantes retornados, e que se apoia co feito de os estados pagadores nunca lles expediren ningunha certificación en relación coas cantidades percibidas.Con estes antecedentes resulta sorprendente que, cinco anos máis tarde, reciban este tipo de requirimentos por parte da Axencia Tributaria, coa advertencia dunha posíbel sanción por non teren cumprido con obrigas tributarias que descoñecían.
Desde a Plataforma insisten en que cando os evasores fiscais se benefician de amnistías, constitúe unha auténtica inmoralidade a simple ameaza dunha sanción a estas persoas, traballadores e traballadoras emigrantes retornadas, e que desde o mes de febreiro veñen mantendo reunións coa Axencia Tributaria sen obter resultados concretos, agás a posibilidade de ampliación de prazos para o pago das declaracións complementarias.
Por outra banda, salientan que até hai poucos días os expedientes sancionadores referíanse ao exercicio de 2008 e permitían a presentación en período voluntario das declaracións dos anos 2009, 2010, 2011 e 2012. Mais hai persoas que recibiron expedientes que inclúen todos os exercicios, un feito que complica de forma moi relevante a súa situación. A única saída a esta situación é que o Goberno do Estado anule todos os expedientes sancionadores e que se inicie unha campaña para informar adecuadamente as persoas pensionistas afectadas das súas obrigas tributarias futuras, obviando os exercicios do período 2008-2012. Esta medida é a única razoábel e xusta tendo en conta a inexistencia de información e a ausencia de responsabilidade e por tanto de vontade de fraude por parte destas persoas.
Desde a Plataforma de Emigrantes Retornados da Mariña e a través da citada moción piden tamén a revisión dos convenios marco con outros países, como por exemplo o estabelecido con Alemaña no ano 2012.
Xuntanzas pola comarca
A xestora da Plataforma agradece o apoio amosado a todos os afectados e afectadas nas diferentes reunións que se levan celebrando nos municipios da comarca e aseguran que só a presión social poderá parar esta estafa. Por iso, convocan a todos os afectados e afectadas a unha nova xuntanza que terá lugar o videiro luns, ás 20:00 horas, no Cenima de Foz.