A Mariña, 15 de outubro de 2013. Concelleiras e concelleiros, gobernos municipais e membros da executiva comarcal reuníronse na tarde de onte en Burela para analizar a proposta de reforma da Lei de Administración Local que plantexa o Partido Popular.
Para os nacionalistas mariñáos, a reforma que plantexa o PP supón “un paso máis na política privatizadora e de recortes de servizos que xa está poñendo en marcha na educación ou na sanidade.”
Neste sentido, desde os gobernos municipais do BNG advirten que ”se esta reforma sae adiante tal e como a están plantexando, hai numerosos servizos que a día de hoxe se prestan desde os concellos que corren serio risco de desaparecer.” Así, os membros de gobernos municipais presentes na xuntanza, explicaron que “entre os servizos que se verían afectados e en perigo de desaparición por esta reforma estarían a asistencia a domicilio e as prestacións das traballadoras e traballadores sociais, as escolas infantís, as políticas de dinamización de emprego, os Centros de Información ás Mulleres ou os servizos culturais e deportivos como as escolas municipais.”
Para o BNG “esta reforma lexislativa o que supón é unha nova redución de servizos e un afastamento dos mesmos das persoas, xa que quitan competencias aos concellos, que son as administracións máis próximas ás persoas e elixidos por estas, para darllas ás deputacións: afastadas das persoas e, polo tanto, sen coñecemento directo dos problemas reais, e sen ser elixidas pola cidadanía.”
Os nacionalistas consideran que “este é o paso previo para a privatización dos servizos, xa que se pretende vincular a súa prestación a criterios de viabilidade económica, sen ter en conta as variables de necesidade social, envellecemento, dispersión poboacional, etc. que caracteriza aos nosos concellos.”
Desde o BNG anuncian “unha campaña de concienciación social para facerlle fronte a unha nova medida do Partido Popular que só busca beneficiar ás grandes empresas a costa de recortar e encarecer os servizos ás persoas.”