Burela, 12 de outubro de 2013. O equipo de goberno do Concello de Burela saíu ó paso das críticas do PSOE sobre a concesión de subvencións a colectivos no exercicio do presente ano 2013, aprobada no pleno do pasado xoves.
O equipo de goberno acusou ó PSOE de ser o culpable de eliminar as subvencións para colectivos en 2009, en 2010 e en 2011. Afirman que “os presupostos do PP de 2012 tampouco contemplaban subvencións, pero neste 2013 o esforzo de contención de gasto fai realidade a posibilidade de conceder subvencións. O bipartito burelés, de forma unilateral, eliminou as subvencións a colectivos, e tamén as axudas tristemente célebres dos corenta euros, pero deixaron con subvencións nominativas a través de convenios a só tres entidades: Burela Fútbol Sala, S. D. Burela e Club Baloncesto Burela”.
O grupo de goberno sinala que “como mostra da súa incoherencia, por ser suaves no trato, aquí están estes señores que agora piden a voz en grito que se concedan subvencións inmediatamente e xa o pediron no que vai de ano e en todo o 2012, cando foron eles os que as retiraron en 2009. Deberían ter algo máis de vergoña política e moderarse no que din, porque xa todo o mundo os coñece”.
O equipo de goberno asegura que “é certo que as subvencións que se dan este ano son de carácter nominativo, porque poñer en marcha un sistema de concurrencia competitiva sería prolongar demasiado a resolución do procedemento e o pagamento das subvencións; tal e como coma acontece na Deputación de Lugo, onde as subvencións por concurrencia competitiva se pagan para o ano seguinte. Pero resulta que o máis chocante é que a Deputación de Lugo, con un goberno bipartito, emprega o sistema de subvencións nominativas, e o curioso é que nese caso o PSOE non di nada. Polo tanto, temos que afirmar que os socialistas de Burela ou están na inopia ou nos queren facer tontos. Criticar que outros usen o mesmo sistema que eles empregan xa non é incoherencia, é outra cousa que require un tratamento específico”.
Desde o grupo de goberno burelés manifestan que “tamén é certo que quedan fóra algúns colectivos: o PSOE durante tres anos deixou fóra a todos os colectivos menos a tres. Pero a realidade é a que é: se non houbera que pagar un millón trescentos mil euros en facturas que nos atopamos nos queixóns, habería máis cartos para repartir. En 2014 xa se verá cal é o reparto. Non nos precipitemos”.
O equipo de goberno do Concello de Burela “respecta a calquera colectivo por moi pequeno que sexa polo que demostra de compromiso coa sociedade na que se inscribe; insistimos, respectamos a calquera colectivo, e sabemos distinguir, perfectamente, entre o colectivo e a persoa que o dirixe. O que non aceptamos é que desde un partido político se saia defendendo a uns e criticando a outros, o que demostra unha miopía política considerable. De todas formas, nós non vamos dar nomes; só dicir que non se cobra nada nin polo uso do pavillón dos institutos nin polo emprego das duchas do mesmo, e que o Concello abonou os custos do uso da explanada portuaria para certas actuacións. Igualmente, indicar que non houbo ningún trato despectivo cara ninguén. En todo caso, dicir que unha persoa quixo participar nunha reunión á que non estaba convocada, persoa á que se lle aclararon oportunamente as dúbidas que tiña”.
Para o goberno burelés resulta sorprendente ademais que agora se queixe o PSOE de que se da pouco ou non se da nada. E desde o equipo de goberno fan dúas preguntas: “¿Qué daba o bipartito burelés? Salvo ó Club Baloncesto Burela, nada ós demais que cita, nada. ¿Qué deu a Deputación Provincial de Lugo ó Club Ciclista Burela, por exemplo, en 2012 e 2013? Nada en 2012 e nada en 2013. E facémoslle un rogo ó PSOE burelés, que nos explique cales son os criterios que usa a Deputación Provincial de Lugo para conceder as subvencións nominativas e por qué lle dan un montón de cartos á Fundación Balogal, por exemplo, en detrimento doutros colectivos. ¿Non será que se dan cartos a algúns colectivos para a cambio contratar persoas afíns? Se isto é así, debería aclaralo o PSOE burelés, xa que o Sr. Llano é un flamante deputado-correo que cobra 51.000 euros anuais e ten a obriga de estar ben informado e de trasladar esa información ós cidadáns”.
O grupo de goberno lamenta profundamente “o carácter insultante, tabernario e intimidatorio que usa o PSOE burelés. Pero non insulta quen quere, se non quen pode, e non intimida quen quere, se non quen ten argumentos. Nin nun caso, nin no outro, nos preocupa o máis mínimo o que diga o PSOE burelés. En todo caso, ten o noso máis fondo desprezo”.