O Valadouro, 9 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do Partido Popular quere que os veciños do Valadouro coñezan a canto ascenderon os ingresos e gastos nos que incorreu o Concello do Valadouro coa Festa da Troita. Os populares veñen de rexistrar un escrito no que solicitan ao Goberno local o balance económico da organización desta actividade que tivo lugar o pasado mes de agosto.
A razón do interese dos populares está nas sospeitas xurdidas despois de comprobar –a través do rexistro- que o Concello estaría a pagar facturas por gastos que superan os 4.000 euros, atribuídos á Festa da Troita, mentres que non se coñecen os ingresos producidos.
Os populares din que na carpa situada no parque Concepción Arenal se estaban a distribuír troitas recheas de xamón e cachelos e empanada de troita, polas que se cobraba aos asistentes un prezo de catro euros por ración individual e lembran que segundo declaracións dun representante do Goberno local xa a media mañá foron distribuídas máis de 400 racións.
Os populares cren que impulsar iniciativas gastronómicas como a Festa da Troita é un factor positivo, tanto desde o punto de vista turístico como gastronómico, e tamén como evento de promoción do comercio e hostalaría local, pero insisten en que para poder xulgar o balance desta festa é necesario coñecer a contía e relación de gastos nos que se incorreron.