O PSdeG de Barreiros denuncia a “incerteza inxustificada” coa que están a vivir os veciños deste Concello, quenes están a recibir nas súas casas unha carta das compañías eléctricas na que se lles comunica a obriga de substituír os contadores eléctricos ou, do contrario, no prazo dun mes, procederán a cortarlles o subministro, unha actitude “arbitraria e irregular”, pois, segundo a normativa europea, teñen de prazo ata o ano 2017 para poder facelo. A voceira municipal socialista, Carmen Veiga, lamenta que os cidadáns “estean pasando por isto”, mentres o alcalde “sigue mirando para outro lado sen facer absolutamente nada”. Por elo, instan á Xunta de Galicia a que “tome cartas no asunto”, e desenvolva incluso medidas compensatorias para todas aquelas familias que se están a ver afectadas inxustificadamente pola medida.
Ante a gravidade da situación, que só resposta a “un intento de amedrentar á xente”, e dado que o goberno municipal, “nin está, nin se lle espera”, os socialistas convocaron ós veciños a unha xuntanza con representantes da Plataforma de Afectados polos Abusos do Mercado Eléctrico da Mariña co obxectivo, explican, “de escoitar á xente para buscar unha solución a este problema, antes de que sexa demasiado tarde”. O encontro terá lugar o vindeiro martes 22, ás 21.00 horas, no local da asociación Emigrante Puma Rubín, en San Miguel de Reinante.
Estas son as consecuencias dos gobernos do PP
O cambio dos contadores enmárcase no proceso de liberalización do mercado eléctrico para millóns de fogares, logo de que o Goberno Central refrendase esta medida imposta por Europa co fin de diminuír o custo da tarifa de último recurso (TUR) para as arcas públicas. A TUR foi creada en 2009 a modo de refuxio para unha potencia instalada inferior ós 10 quilovatios, unha categoría na que se inclúen practicamente todos os fogares da Mariña. Esta situación, tal e como recoñecen os socialistas de Barreiros, increméntase coa substitución dos equipos de medida polos novos dixitais adaptados para telexestión. Coa súa instalación, detéctase, ademais, un incremento na medida de consumo dos fogares próximo ó 10%.
“Este é un serio problema. Non poden enviarlles unha carta ós nosos maiores dicíndolles que teñen que cambiar os aparatos e que se non quedan sen luz. A Xunta de Galicia e o Concello teñan a obriga de velar polas familias afectadas, impedindo que se efectúen os cortes”. Neste marco actual, engaden, “o consumidor atópase nunha situación de desamparo debido á falta de apoio”.
Total indefensión dos usuarios
Esta forma de entender a normativa crea unha situación de total indefensión dos usuarios fronte ás compañías comercializadoras e distribuidoras. Ademais, dáse a particularidade de que cando se lle corta o subministro a un particular por falta de pago, resúltalle máis sinxelo obter a reposición do devandito subministro que a un abonado ó que a interrupción se fixo de forma irregular. O corte por falta de pago subsánase en 24 horas unha vez realizado o pago pendente pero, se o corte é irregular ou inxustificado, o titular ten que presentar reclamación en Industria, agardar a que este Departamento conteste e a que se resolva todo o procedemento administrativo.
A Mariña, unha das zonas máis afectadas da provincia
Os problemas coa facturación eléctrica seguen provocando complicacións en varios concellos da provincia, sendo A Mariña unha das zonas máis afectadas. Ás denuncias dos barreirenses súmanse as levadas a cabo pola Comunidade de Propietarios de Cervo que, no prazo dunha semana, recibiron doce facturas de consumo eléctrico por un importe superior ós 10.400 euros; cantidade que non se corresponde co que realmente deberían pagar debido a unha lectura estimada dos seus contadores.
Neste caso concreto, o consumo eléctrico é duns 1.365 euros, sen embargo, a factura recibida é 5 veces maior: 5.314 euros. Polo que se refire ós servizos comúns o custe dos mesmos é duns 750 euros, pero agora a compañía pasa a cobrarlles 5.114 euros, é dicir, seis veces máis do consumido. Noutros casos, tendo presentada e rexistrada a reclamación en Industria ou Consumo, a interrupción tamén se realiza sen que o Executivo galego resolva e sen a autorización pertinente.