Este mércores 6 de novembro era a data tope segundo a carta que remitimos ao presidente da Xunta para contestar á petición de xuntanza da Iniciativa Galega en Defensa da Gratuidade da Sanidade.
“Hai silencios que son máis claros que o discurso mellor articulado, e este silencio de Feijóo deixa claro o que me negaba a crer na carta que lle remitín, deixa claro que ao presidente da Xunta non lle importa nada a vida dos seus compatriotas”, manifesta Federico Gutiérrez Estoa.
O portazo de Feijóo non é ás seis persoas que estivemos alí, é a todas as persoas doentes crónicas do país, é un portazo a todas aquelas mulleres que se están medicando de cancro de mama, a todas as persoas que se están medicando dun cancro de ril ou de leucemia, un portazo a quen padece tumores cerebrais, e fronte a este portazo, o que queremos transmitirlle á sociedade galega é que estamos aquí para abrir portas, fundamentalmente unha porta: a porta da gratuidade da sanidade, a porta que nos iguala diante da morte, e a loita por abrir esa porta é a loita á que apelamos a todo o pobo galego:
1. primeiramente acudindo ás concentracións convocadas para este venres, 8 de novembro, en todas as vilas e cidade onde hai hospitais públicos de referencia
2. tamén acudindo á manifestación convocada para o domingo 17 de novembro en Compostela
3. apoiando todas aquelas convocatorias que desde as comarcas ou no ámbito de todo o país se fixeren en defensa da sanidade
Tamén queremos dirixirnos ao señor de dereitas, que como bo señor de dereitas carece de corazón, porque este está na esquerda. Queremos dirixirnos ao integrista católico, que como bo católico integrista, carece de alma.
Queremos, en definitiva, dirixirnos á persoa que coa súa negativa a darlle unha solución ao problema do copagamento para os doentes crónicos, pasa a converterse no responsábel último das mortes que se poidan dar nas tipoloxías médicas incluídas no copagamento naquelas persoas carentes de recursos.
Que saiba que de aquí até que a Xunta de Galiza proceda a NON aplicar no nosos país a orde que estabelece o copagamento, todas as semanas terá visita deste colectivo.