Mondoñedo, 9 de novembro de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, participou, este sábado, no salón de actos do Concello de Mondoñedo, na entrega de premios do II Certame de Poesía Leiras Pulpeiro, unha iniciativa do Concello de Mondoñedo que se levou a cabo, por segundo ano consecutivo, coa colaboración da Vicepresidencia da institución provincial.
Como resultado da deliberación do xurado formado pola profesora e investigadora Aurea Ramil, o estudoso e docente Xosé María Felpeto Enríquez e mais crítico literario, Armando Requeixo; o primeiro premio, valorado en 1500 euros, recaeu en Carmen Pereiras Pérez (Cartelle, 1959), quen se fixo co galardón polo conxunto poético titulado ‘De esmagar descalza’, que presentou baixo o lema ‘A metralla dos reloxos’. O segundo premio, de 600 euros, foi para Paulino Peña Álvarez (Vilardevós, 1960), coa obra ‘Nas dársenas do estío’, achegado co lema ‘Os vagalumes perforan a noite’; mentres que o terceiro, de 300 euros recaeu en Jacobo Llamas Martínez (Lugo, 1980), que asinou o texto ‘Elexías’ baixo o lema ‘Fame nas vértebras’.
Esta edición destacou por un alto nivel de participación, chegando a presentarse 64 traballos. Neste sentido, Antonio Veiga felicitou á organización “polo alto grao de participación que se rexistrou neste certame, pese a tratarse dun premio literario de recente creación, ao que, á vista do éxito destas dúas primeiras edicións, auguro un gran futuro”.
“Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, na medida do posible, seguiremos apoidando iniciativas coma este certame, que favorece a creación literaria en língua galega. Nestes tempos que corren, fai falta moita poesía, versos con contido social que nos axuden a cambiar o mundo, un mundo no que, as maiorías sociais, os máis necesitados, aqueles aos que, como médico, atendía Leiras Pulpeiro, ven mermados os seus dereitos universais”, concluíu Veiga.
O acto completouse cunha ofrenda floral no Cemiterio Vello de Mondoñedo, diante da sepultura do escritor mindoniense que da nome ao certame, da man do Grupo Literario Manuel Leiras Pulpeiro.