Cervo, 6 de novembro de 2013-A Concellería de Educación, que dirixe Pilar Armada, anuncia que o Concello duplicará a partida destinada ás axudas ao transporte escolar ata chegar aos 6.000 euros. Nun primeiro momento, a administración local tiña previstos 3.000 euros para esta subvención pero, despois do peche do prazo o pasado día 31 de outubro e de analizar o número de solicitudes, o Concello decidiu ampliar noutros 3.000 euros máis os cartos dispoñibles. Unhas axudas financiadas con fondos municipais ao 100% e que se corresponden cos gastos de desprazamento do curso 2012-2013.
“O noso obxectivo é que ninguén quede sen axuda, sempre que cumpra os requisitos da convocatoria” asegura Armada “para poder contribuír coas familias colaborando con elas nos gastos derivados da formación dos estudantes”.
Neste sentido a edil tamén quere lembrar que nesta convocatoria xa se anunciara o aumento da contía para cada beneficiario, que pasou dos 150 euros por persoa que se deron o ano pasado, aos 200 euros que se entregarán este ano.
Unhas medidas, tanto as de destinar máis cartos por persoa como a de duplicar a partida total, “coas que queremos adaptarnos ás necesidades das familias e contribuír con elas na maior medida posible” engade a responsable de Educación. Unhas actuacións que responden a unha “aposta do goberno local pola educación como piar básico de calquera sociedade e á que tentamos destinar todos os esforzos e recursos posibles” engade Armada.
Estas axudas ao transporte están dirixidas aos cervenses que estudan fóra do municipio, sempre que se trate de ensinanzas que non se impartan en centros do municipio.