Ante as declaracións realizadas polo presidente do Partido Popular e voceiro do grupo popular no Senado, Ricardo Varela subliña que “o que ten que facer o señor Barreiro é deixar de preocuparse polos asuntos do PSOE. Debería ser responsable e centrarse algo máis nos intereses de Lugo”. Neste senso, asegura que o senador popular “tivo a oportunidade de que esta provincia fose protagonista nos Orzamentos do Estado para o vindeiro ano, pero, sen embargo, non só non o fixo, senón que, coa súa complicidade e o seu silencio, permite este castigo permanente ó que están sometidos os lucenses dende que goberna o Partido Popular”.
Por tanto, o socialista conclúe que o senador popular “debería de inquedarse polo estado da estación intermodal, da Autovía Lugo-Santiago que está totalmente paralizada, polo peche de Alimentos Lácteos, pola crise de Cementos Cosmos ou de Sargadelos, así como dos problemas que teñen outras empresas na provincia. Isto é o que realmente lle ten que interesar porque isto é o que realmente lle interesa ós lucenses”.
“Para enfrontamentos os do seu Partido”
Así mesmo, Ricardo Varela subliña que “o que realmente lle molesta ó voceiro do PP é que o PSOE teña unha estratexia política clara e baseada na unidade”. Por iso, pídelle a José Manuel Barreiro que “deixe de buscar enfrontamentos onde non os hai, porque para problemas internos os do Partido Popular. Non hai máis que ver a relación que ten Rajoy co ex Presidente Aznar, ou a del mesmo coa do Sr. Feijóo, que xa é vox populi en Galicia…”.
Problema territorial
Deste xeito, o senador socialista engade que, outro exemplo da “crise interna dos populares”, é que nas Comunidades onde gobernan, non son capaces de poñerse de acordo no modelo de financiamento. A este respecto, lémbralle a Barreiro que “se hai un Partido en España que uniu e vertebrou o territorio ese é o PSOE. O Partido Popular dedicouse durante anos a xerar enfrontamentos e odio entre as comunidades, exacerbando o sentimento nacionalista e o distanciamento co resto de España”.
Neste senso, pregúntalle “que estaría pasando hoxe en Cataluña se o PP non houbese afogado co seu recurso no Constitucional a vía do novo Estatut. Sinxelamente, nada. A presión tería unha válvula de escape política e a sociedade catalana sentiríase atendida. Os problemas de hoxe son froito da torpeza e o electoralismo dun Partido sen sentido de estado”, concluíu.
“A Barreiro dóelle que o PSOE teña un proxecto claro”
Pola súa banda, o secretario xeral dos socialistas da provincia de Lugo, Juan Carlos González Santín, mantén a mesma postura que a indicada no día de onte. Neste senso, reitera que a conferencia política desta semana serviu para configurar un novo proxecto que será capaz de dar resposta ás necesidades dos cidadáns.
A este respecto, engade que “o que lle molesta ó Partido Popular é que por o PSOE está máis unido e cohesionado ca nunca; feito que nos está a converter na alternativa para poñer coto ós fortes ataques que o PP veu perpetrando nos últimos meses contra os cidadáns. Isto é precisamente o que motiva as declaracións do señor Barreiro. Hoxe os españois, os galegos e os lucenses pagamos máis impostos ca nunca. Todoso lembramos a famosa foto na que o Sr. Rajoy e a Sra. Esperanza Aguirre aseguraban que non ían subir o IVA…. Temos máis paro ca nunca, temos unha peor Educación e Sanidade públicas… A Barreiro dóelle que o PSOE teña un proxecto claro e que todos camiñemos na mesma dirección”.