Esta fin de semana as ximnastas dos equipos Infantil e Benxamín da escola mariñá Porta Norte viaxan a Bilbao ao Torneo Euskalgym, cita de recoñecido prestixio nacional e internacional na ximnasia rítmica.
As alumnas mariñás competirán o sábado pola mañá no Torneo de Base, con clubes de toda España; as ximnastas infantís abrirán a competición sobre as 12.00 da mañá e as benxamíns competirán ás 13.00. Pola tarde, terá lugar a gala internacional de ximnastas de todo o mundo, coa presenza da actual campioa de Europa e do Mundo, Yanna Kundraitseva, entre as grandes estrelas do panorama ximnástico.
O domingo pola mañá haberá tamén competición de conxuntos no nivel Absoluto con participantes de toda España.
Equipo Infantil: Marta Lestao, Claudia Díaz, Ana Rico, María Basanta, Elvira Luna e Sara Galdo.
Equipo Benxamín: María Lestao, Lin Vizoso, Carla e Daniela Enríquez e Elisa Fraga.
Clasificación para o Nacional
Os equipos Infantil e Benxamín tamén participarán no Campionato de España; conseguiron o billete no Torneo Galego de Base que se disputou o pasado 13 de outubro en Ourense.