Burela, 29 de novembro de 2013. Todo apunta a que un problema eléctrico ocasionou o incendio que se rexistraba esta noite nunha vivenda, no nº 84 da Avenida da Mariña, e no que perdía a vida unha anciá de 85 anos, María Luz Paleo Pérez, que nese momento se atopaba no interior do seu domicilio. Ata ese lugar se desprazou o alcalde, José Mª González Barcia. Unha traballadora social e unha psicóloga do Concello atenden durante a mañá deste venres ao fillo da falecida de 49 anos, á espera de que cheguen a Burela outros membros desta familia. O home non se atopaba na casa no momento no que se produciu o incendio.
González Barcia contou que “todo apunta a que un problema eléctrico foi o causante do incendio que este madrugada afectou á vivenda número 84 da avenida da Mariña, unha das Casas Baratas, que da practicamente á praia do Portelo. Este fatal incidente provocado por un problema eléctrico xunto cos materiais plásticos que había na habitación na que se iniciou o lume orixinaron unha combustión moi intensa, pero moi breve, pero cunha grande cantidade de fumes tóxicos derivados deses compoñentes tóxicos que teñen os plásticos. Este feito trouxo consigo a morte da señora que nese momento se atopaba na casa, María Luz Paleo Pérez, de 85 anos de idade”. O rexedor explicou que “esta muller convivía co seu fillo de 49 anos que nese momento, sobre as doce e media da noite, non se encontraba na vivenda. Actuaron o Grupo de Emerxencias de Cervo e a Garda Civil de aquí de Burela e nestes momentos o asunto está en mans da Policía Xudicial, que ao final determinará cales foron as causas exactas que ocasionaron o incendio e tamén as causas exactas da morte da anciá, a través da correspondente autopsia”.
O alcalde burelés dixo que “o Grupo de Emerxencias de Cervo e a Garda Civil de Burela actuaron con celeridade, eu mesmo estiven alí para ver como se procedía ao control do lume, da situación. O incendio non afectou ás vivendas anexas, só afectou a parte desa casa, o inmoble nº 84 da avenida da Mariña”.