Lugo, 9 de decembro de 2013. O delegado de Cultura e Turismo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou, este luns, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da Deputación Provincial, a programación ‘Nadal Cultural’, unha amplo conxunto de actividades pensadas e organizadas para que públicos de todas as idades poidan desfrutar da cultura tamén durante as festas de Nadal.
A meirande parte das actividades programadas responden á aceptación do público en edicións anteriores, destacando ‘Cantos de Nadal’, que ano tras ano enche as rúas de cánticos e panxoliñas interpretadas por diferentes corais da provincia sendo unha das actividades máis aclamadas polos lucenses. Este ano, entre as corais participantes atópanse Amigos do Camiño de Santiago, A Coral Polifónica Xolga, Asociación Cultural Coro de San Antonio, Coro Novo Amencer, Coro Ecos do Miño, Orfeón Xoán Montes, Schola Grecoriana Lucense, Orfeón Luecense, Conxunto Vocal Lugh, Coro Cantar Delas e a Coral do Hospital Xeral Calde. Nos vindeiros días concretarase as rúas de Lugo onde farán as súas actuacións e as horas.
Outras das actividades que se espera conten co apoio do público son a Clausura de Dramaturxias de Baúl –mostra de traballos realizados nos obradoiros de dramaturxia impartidos por Santi Cortegoso – o venres 27 de decembro, ás 20:30horas, no Museo Provincial, e o ‘Nadal Fiado’ coa Asociación de Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua, unha xornada na que se poderá visualizar e comprender a fía tradicional do liño e da lá e que terá lugar na lareira do Museo Provincial o venres 3 de xaneiro ás 17:00 horas.
Nesta programación teñen un especial protagonismo os máis pequenos para os que se deseñou o ‘Nadal Miúdo’, con actividades como a visita do Apalpador, o luns 23 de decembro, ás 17:30 horas polas rúas da cidade, organizada en colaboración coa Asociación Revolta Natural; a presentación do disco Pan de Millo con Migallas Teatro, o xoves 2 de xaneiro ás 18:30 horas na Sala de Exposicións do Pazo de San Marzos; e contacontos con Soledad Felloza tamén na Sala de Exposicións do Pazo Provincial.
Ademais, o Museo Provincial está a ultimar máis actividades co obxectivo de que as familias poidan compatibilizar o seu traballo coas vacacións dos cativos.
Vicepresidencia urxe ao Estado e á Xunta que garantan unha sanidade pública de calidade e universal
Noutra orde de cousas a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo tamén quixo amosar o seu apoio a folga xeral convocada polos traballadores e traballadoras da Sanidade Pública para hoxe luns e mañá martes, en contra dos recortes, dos copagamentos e das privatizacións e en defensa dunha sanidade pública de calidade e do acceso universal á mesma. Así o manifestou o portavoz nacionalista, quen chamou a toda a sociedade a mobilizarse para frear o desmantelamento dos servizos públicos iniciado polo Goberno do Estado e a Xunta de Galiza que continúan establecendo “barreiras ao acceso da poboación aos servizos asistenciais obrigando a pagar os medicamentos a pensionistas e a pacientes crónicos ou con enfermidades graves, como cancro, tumores cerebrais, leucemia mieloide crónica, tumores malignos non resecábeis e/ou metastásicos do estroma gastrointestinal (GIST), artrite reumatoide, dexeneración macular ou a hepatite C crónica, a pagar próteses, ambulancias ou mesmo alimentos especiais”.
Desde a Vicepresidencia da institución provincial alertan de que o Goberno galego está traballando na posibilidade de que os pacientes paguen unha parte da asistencia que reciben e que actualmente é gratuíta no momento do seu uso e nun novo mapa de áreas de xestión clínica, medidas que Outeiro espera “non se leven a cabo, en canto suporían decretar a morte definitiva do sistema sanitario público e universal. Os populares esquecen que todos os cidadáns teñen dereito á protección e ao coidado da súa saúde con independencia do seu nivel de renda. Mentres o PP busca artimañas para que só os ricos e poderosos teñan dereito á sanidade, desde a Deputación buscamos medidas para evitar que iso sexa así e paliar as consecuencias das súas políticas privatizadoras e excluíntes”.
Neste senso, o portavoz nacionalista recordou o “esforzo que fará a Institución Provincial no vindeiro ano para axudar economicamente a aqueles concellos lucenses que acordaron sufragar o custe das menciñas de dispensación hospitalaria para pacientes con patoloxías graves ou crónicas tratando de impedir que ninguén quede sen o tratamento que precisa por razóns económicas”.
“Coa coartada de reducir o gasto público para pagar aos bancos e aos especuladores, os executivos central e galego están fechando hospitais, centros de saúde, laboratorios, servizo de ambulancia, reducindo persoal sanitario e precarizando as súas condicións de traballo nos centros hospitalarios e de atención primaria. É evidente que o Partido Popular non sabe xestionar a sanidade pública e tampouco lle interesa facelo porque vai en contra da súa ideoloxía. Merecemos unha sanidade pública que actúen corrixindo diferenzas sociais, non creando novas desigualdades”, concluíu Mario Outeiro.