SANTIAGO. A Comisión Executiva da Fegamp non ratificou hona mañá deste mércores o principio de acordo alcanzado o pasado venres co conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, para que a subida do canon de tratamento de Sogama se atrasase ao 1 de xullo de 2014 e producise un aforro nas economías municipais.
A falta de acordo entre os grupos políticos levou a que o presidente da Federación e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, desistise de expor este asunto para a súa votación. “O municipalismo debe de manter a súa unidade de acción en asuntos tan transcendentes como este”, explicou, “e dado que non se daba o consenso necesario, a Fegamp non o ratificará”.
O acordo político era imprescindible para materializar o atraso da aplicación do incremento do canon, xa que se necesita unha transacción parlamentaria no proxecto de Orzamentos da Xunta para 2014 na que participen os grupos da oposición, dado que a maioría popular non pode modificar unha emenda propia unha vez concluído o trámite legal.
Na actualidade, a emenda do grupo parlamentario popular ao texto orzamentario prevé que o incremento do canon sexa efectivo o 1 de marzo, en lugar do 1 de xaneiro que se establecía inicialmente.
A Comisión Executiva manifestou que “a Fegamp nunca se expuxo aprobar a subida” establecida por Sogama, á vez que insiste no seu “rexeitamento” ao novo marco enerxético imposto polo Goberno e que aboca a esta empresa a incrementar o canon un 34% de cara a 2014.
Non entanto, a Fegamp quixo valorar “moi positivamente” o ofrecemento do conselleiro Hernández para abordar posibles medidas paliativas á subida, “que lamentablemente non se poden ratificar pola falta de acordo parlamentario”, reiterou Rey Varela.
Igualmente, a Federación mostrouse disposta a “participar moi activamente” no grupo de traballo ofrecido polo conselleiro “para abordar o novo plan de residuos de Galicia”, sen que iso signifique “en absoluto pór en dúbida o actual modelo de Sogama”.